A área de Servizos aplica desinfectantes nos espazos máis concorridos

0

Unha das recomendacións sanitarias indicadas polos protocolos de contención do coronavirus, ademais da de quedar na casa, é a de que se extreme a hixiene. Debemos lavar as mans con frecuencia, tusir ou esbirrar en panos desbotables ou contra a parte interior do cóbado e, moi importante, gardar alomenos metro e medio de separación con outras persoas cando esteamos no súper, na farmacia ou en calquera lugar ao que poidamos acudir e que estea permitido polo RD 463/2020 do Estado de Alarma. Ademais de insistir nestes consellos, desde o Concello tamén se están adoptando xa outras medidas, como por exemplo a aplicación de solucións desinfectantes naquelas zonas máis concorridas e tamén no mobiliario urbano. Mentres tanto, a actividade municipal continúa a porta pechada. A Xunta de Goberno Local celebrouse este mediodía por Skype e o Concello recibiu aviso de Supervisión y Control conforme quedan suspendidas as citas da ITV móbil para vehículos agrícolas que ía desprazarse a Santa Mariña do Monte o luns 30 de marzo e, debido á reprogramación do calendario, tamén as do 17 e 20 de abril en Igrexafeita.

De acordo coas indicacións das autoridades sanitarias, en San Sadurniño estanse utilizando dous produtos distintos. Hoxe mesmo o departamento de Servizos percorreu o centro urbano para botar en papeleiras, varandas e colectores do lixo, así como nos accesos aos establecementos que permanecen abertos, unha solución biocida de rápida evaporación coa que se pretende reducir ao mínimo a posibilidade de que neste equipamento e mobiliario poida haber trazas de coronavirus.

O líquido pulverizouse diante do Concello, na Cooperativa de Meirás, no Centro de Saúde, na farmacia, na libraría e tamén diante do supermercado Outeiro e da panadería Enxerto, pero tamén ao longo das beirarrúas que enlazan este grande triángulo de puntos onde se concentran o maior número de movementos.

Por outra banda, o Concello está utilizando hipoclorito de sodio disolto en auga a un 2% -lixivia rebaixada-, que se aplicará durante estes días sobre o chan. Está demostrado que este produto barato e do que hai suficientes existencias no mercado é un dos máis efectivos para eliminar virus e outros microorganismos de calquera superficie.

Ademais de facer este tratamento xeral no centro urbano, a área de Servizos tamén fará o propio noutras zonas do territorio, como por exemplo o entorno da Cooperativa de Meirás en Naraío, as tendas de alimentación que permanecen abertas nesta parroquia e máis na de Lamas e noutros establecementos comerciais que teñen permitida a apertura ao público.

A mellor prevención: quedar na casa
Porén, a mellor medida preventiva segue sendo a de permanecer na casa e limitar os desprazamentos só ao estritamente necesario: ir ao traballo, facer a compra, acudir ao médico ou ir buscar medicamento á farmacia.

O Goberno central xa anunciou esta fin de semana que se lle solicitará ao Congreso dos Deputados a ampliación do Estado de Alarma durante outros quince días, de maneira que estas medidas de confinamento permanecerán activas alomenos até o 11 de abril e non se descarta que poidan adoptarse outras restricións se a situación sanitaria así o esixe.

Ademais de reducir os movementos ao imprescindible, cómpre seguir poñendo en práctica todas as recomendacións das autoridades de Saúde Pública en canto á hixiene, como poden ser a de lavar as mans con frecuencia, tusir ou esbirrar nun pano desbotable ou contra a parte interior do cóbado, non refregar os ollos ou o nariz, gardar 1,5m. de separación cando vaiamos ao súper ou á farmacia, etc.

Lembramos que se pensamos que temos algún dos síntomas da COVID-19 -tose, febre ou dificultade para respirar- non debemos acudir pola nosa conta ao hospital ou ao centro de saúde, senón que debemos chamar ao 900 400 116 para obter información sobre como proceder. Ademais, na web do SERGAS coronavirus.sergas.es hai un sinxelo autotest que nos irá guiando para saír de dúbidas. O teléfono 061 só se debe utilizar en casos de sintomatoloxía grave, accidentes ou calquera outra urxencia médica. Actuemos con responsabilidade.

Para calquera outra necesidade ou para solicitar a axuda do Concello na provisión de alimentos e produtos básicos, pódese chamar ao 981 490 027 en horario de 8.30 a 14.30h.

Suspensión da ITV móbil e Xunta de Goberno Local por Skype
O Concello recibiu aviso esta mesma mañá da suspensión da inspección técnica de vehículos mentres dure a actual crise sanitaria. No caso de San Sadurniño esa suspensión aféctalle ás citas da ITV móbil para vehículos agrícolas que ía estar en Santa Mariña do Monte o día 30 de marzo e, previsiblemente, ás dos días 17 e 20 de abril en Igrexafeita. En calquera caso, tal e como informan desde SyC ITV – Applus, aqueles vehículos aos que lles caduque a inspección neste período -desde que se decretou o Estado de Alarma e quedaron suspendidos os prazos administrativos-  “poderán circular sen problemas relativos a multas e seguros” e que para obter máis información poden consultarse as webs da Dirección Xeral de Tráfico e da Dirección Xeral de Seguros.

Mentres tanto, a actividade municipal continúa na casa consistorial a porta pechada. Este mediodía celebrouse Xunta de Goberno Local para aprobar diversas facturas e resolucións. Os seus membros levaron adiante a sesión por vía telemática a través de Skype.

Share.