O Concello avoga por acelerar a contratación do POS+ como unha das fórmulas para reducir os efectos sobre o emprego da crise sanitaria

0

A empresa Construcciones Canosa avanza nos traballos de ampliación do local social de Lamas. Desde que a obra comezase o pasado  3 de xaneiro só se viron interrompidas polo período decretado polo Estado de permiso retribuído e recuperable que se prolongou durante dúas semanas. Así, desde o pasado 13 de abril os albaneis están de novo ao choio e a obra xa mostra o que vai ser á volta dunhas semanas: un espazo diáfano e accesible que se adapte mellor ás necesidades de uso sociocultural da parroquia. O equipamento, cifrado en 109.000 euros, é o último proxecto sufragado cos fondos provinciais de 2019. Neste sentido, o Concello quere licitar “o antes posible” os proxectos do POS+ deste ano -máis de 500.000 euros de investimento-  de cara a “amortiguar en parte os efectos do coronavirus sobre o emprego”.

O actual local social de Lamas deseñouse orixinalmente cuns planos máis próximos aos dunha vivenda que aos dun espazo destinado a funcionar como centro cívico. A feitura do inmoble é a dun chalé e a distribución interior  é calcada á dunha casa, algo que dificultaba en grande medida o aproveitamento social para o que debería estar concibido. Ten varias habitacións máis ben pequenas -agás a cociña e o baixo- e está estruturado en dous andares comunicados por unha escaleira que, na práctica, é un atranco para o acceso das persoas de maior idade ou con mobilidade reducida.

Esa foi a razón de que a veciñanza e mailo Concello coincidisen en aproveitar parte do espazo non construído na parcela para erguer nel un salón polivalente que se axeitase mellor ás actividades que alí se organizan: ximnasia para persoas maiores, cursos da Rede CeMIT e todo tipo de reunións sociais.

As instalacións están comunicadas co andar inferior do local social e supoñen un incremento próximo aos 130 m² de superficie útil, incluído un escenario de algo máis de 36 m². A estrutura está xa edificada e a empresa construtora ocúpase estes días do chan, das canalizacións eléctricas e do illamento interior, como paso previo ao lucido das paredes.

Desde o exterior obsérvase un edificio de planta baixa con grandes fiestras e unha porta de acceso independente do inmoble principal, xunto cunha longa rampa de acceso desde a parte inferior do aparcadoiro que salva arredor dun metro de desnivel.

O Concello quere licitar o POS+ deste ano “o antes posible”
A obra en Lamas é a última que queda pendente das sufragadas con fondos provinciais o ano pasado. Para este 2020, o Concello aprobou actuacións por un valor superior aos 500.000 euros que o Goberno local quere licitar “o antes posible”, tal e como indicou Secundino García. O rexedor considera que o papel dos concellos “será fundamental no proceso de recuperación económica posterior á crise” e por este motivo agarda que todos os procesos administrativos de contratación se poidan acelerar “todo o que permita a normativa e a capacidade organizativa do Concello” de cara a “amortiguar en parte o impacto do coronavirus sobre o emprego”.

O Concello de San Sadurniño presentou ao POS+ un paquete de obras viarias cifrado en algo máis de 44.000 euros, cos que se executará a reparación de pistas nas Calvelas, no Albeiro, na Agra de Abaixo, en Cornide e no Freixo.

Por outra banda, no Plan Complementario -ao que a Deputación destinará fondos procedentes de remanentes- incluíronse tres proxectos por un montante total de 171.000 euros para aglomerar as tres pistas que se encadean desde o Eirexado até o límite da Capela pasando por Lourido e Quintiá, en Naraío. Tamén se contempla licitar en 150.790 euros a remodelación da Casa da Cultura para redistribuír espazos, climatizala e, sobre todo, acabar dunha vez cos problemas de humidade.

Os dous últimos proxectos que se presentados ao Plan Complementario son a merca dun novo tractor para traballos forestais e de prevención de incendios -71.390€- e a ampliación da iluminación led a Marqués de Figueroa, á nova rúa aberta diante do cemiterio, ao Enxerto, ao Outeiro , á pista dos Corrás e á Agra de Arriba. Neste caso o investimento previsto é de 67.000 euros.

Vista interior da ampliación do local social de Lamas

Vista interior da ampliación do local social de Lamas

Share.