A Aldea de Verán vén de visita polo Concello

0

A rapazada do programa de conciliación “Aldea de Verán” que se desenvolve en San Sadurniño visitou este luns  a Casa do Concello para coñecer o funcionamento -e as funcións- da administración local. Tras un pequeno percorrido polo pazo no que o técnico de Desenvolvemento Local lles explicou os distintos postos e tamén algo da historia do edificio, os nenos e nenas reuníronse co alcalde no salón de plenos. Secundino García faloulles do papel dos concelleiros e concelleiras e tamén do del como rexedor municipal, ademais de atender un completo cuestionario que os nenos e nenas traían preparado.

A Aldea de Verán deste ano ten como eixo vertebrador das súas actividades os oficios e profesións e unha das últimas que coñeceu a rapazada foi a de xornalista. Por iso durante toda a visita levaban canda si micrófonos, cámaras de fotos e de vídeo feitas de cartón e pintadas con témpera. Metidos e metidas a fondo na función xornalística acribillaron a preguntas ao técnico de Desenvolvemento Local, Ignacio Fernández, quen lles contou cousas sobre a figura da última marquesa de San Sadurniño e sobre o edificio que hoxe alberga o Concello.

A visita pasou polas distintas dependencias da administración pública e finalizou no salón de plenos mantendo un encontro co alcalde. Secundino García tamén se someteu a un longo cuestionario sobre o seu labor á fronte do municipio: que fai un alcalde?, canto tempo leva de alcalde?, que é o que máis e o que menos lle gusta de ser alcalde? foron só algunhas das preguntas que o rexedor debeu respostarlles aos nenos e nenas que ocupaban as cadeiras dos tres grupos municipais.

O periplo pola sede municipal foi só unha das actividades propostas na programación da Aldea de Verán deste ano. E é que a cativería ten as mañás completas. Hai uns días visitaron a florería La Feria para coñeceren o traballo da florista que rexenta o negocio e despois fixeron unha alfombra con pétalos e follas ao pé da escola infantil. Este luns convertéronse en xornalistas cubrindo información institucional e ata fin de mes aínda lles quedan unha chea de cousas por facer.

Mañá mércores, sen ir máis lonxe, o grupo irá pola tarde a Moeche para volverlle a visita aos nenos e nenas da Sementeira -o programa socioeducativo de verán que se desenvolve nese concello- e compartir alí unha noite de acampada na que, ademais de xogar e vivir unha experiencia nova para a maioría, quizais tamén vexan algunha estrela fugaz das Perseidas. O xoves a rapazada de San Sadurniño e a de Moeche pasarán a mañá na feira do 11 e o venres, de volta en San Sadurniño, aprenderán a profesión farmacéutica.

Para a semana teñen previsto facer un bateo no río na procura de minerais curiosos coa axuda do xeólogo Fran Canosa -principal impulsor das rutas xeolóxicas pola comarca e do xeoparque do Ortegal- e, xa na recta final da Aldea e entre outras actividades, achegaranse á granxa A Esperanza de Santa Mariña do Monte, visitarán o Centro de Día e participarán nun obradoiro de consumo responsable.

Durante este mes de agosto participan na Aldea de Verán máis dunha trintena de rapaces e rapazas. Este servizo socioeducativo e de lecer para a infancia e as súas familias conta con finanzamento da Deputación da Coruña.

 

 

Share.