A Aldea de Verán toca dúas artes na súa recta final

0

Faltan pouquiños días para que finalice a edición deste ano do programa de lecer socioeducativo Aldea de Verán, promovido pola Concellaría de Igualdade. Como todos os anos, a rapazada desfrutou dunha chea de actividades para pasalo ben e tamén aprender seguindo un fío condutor que, neste caso, foron as artes. E esta mañá tocaron dúas delas: a literatura e a pintura. Foi dentro dunha acción poética que se desenvolveu no peche do colexio público que, ao remate da xornada, quedou chea de frases escritas ou pronunciadas no seu momento por mulleres como Frida Kahlo, Rosalía Castro ou Concepción Arenal. De feito, ademais de fomentar a creatividade infantil, a actividade tamén buscaba que os nenos e nenas reflexionasen sobre a igualdade de xénero. 

Pouco despois das 10 da mañá, as pequenas e pequenos da Aldea achegáronse ao muro do colexio, onde agardaba por eles un espazo acoutado en branco duns 20 metros de lonxitude e todo o material necesario para convertelo en lenzo das súas mensaxes, escollidas previamente entre o legado intelectual de mulleres destacadas da historia como Concepción Arenal, Isadora Duncan, Clara Campoamor, Frida Kahlo, Rosalía ou mesmo a actriz Marilyn Monroe.

“Pés, para que vos quero se teño ás para voar?”, “Abride as escolas e pecharanse cárceres”, “Bailar: a maior intelixencia no corpo máis libre” ou “A liberdade apréndese exercéndoa” foron algunhas das  ideas que a Aldea de Verán deixou plasmadas en negro sobre branco coa axuda das monitoras do campamento.

Tal e como sinalaba esta mañá a concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, “non só se buscaba que os pequenos e pequenas exercitasen a súa creatividade artística, senón que tamén interiorizasen esas mensaxes e o feito de a historia tamén se escribiu con nome de muller”.

Máis poesía en feminino en setembro
A actividade desta mañá concibiuse como unha acción poética que levou á rúa a idea da igualdade reivindicando o papel feminino en múltiples áreas, como a literatura ou o activismo social. Pero esta non será a única proposta nesta liña que se desenvolva no concello antes do remate do verán. E é que o sábado 15 de setembro ás 17.00h. o patio interior da casa consistorial acollerá o 2º Recital de poesía en Feminino, organizado en colaboración co colectivo Nova Poesía Guitirica.

O evento que ten como finalidade visibilizar a creatividade literaria feminina e a mensaxe igualitaria que se lanza a través da poesía. No evento participarán a maior parte do grupo chairego, do que forman parte, entre outras persoas, Xelo Teijido, Mar Beres, Pas Veres e Antón de Guizán, María Xosé Lamas, Martiño Maseda, Ana Vila Portomeñe ou a pontesa Silvia Pardo.

Porén, a área de Igualdade tamén abre a posibilidade de que se sumen ao recital creadores e creadoras de San Sadurniño con ansias pola poesía. Quen queira facelo só ten que chamar ao 607 724 980. De momento xa hai catro poetas da casa que tamén recitarán as súas composicións.

Share.