A Aldea de Verán amplíase este ano ata as 45 prazas

0

A Aldea de Verán é un programa do departamento de Igualdade que busca ofrecerlle á rapazada de entre 3 e 12 anos un espazo de lecer e educación durante as vacacións estivais, ao tempo que lles facilita ás familias conciliar traballo e coidado dos nenos e nenas nestes dous meses en que están na casa. Para este ano ofértanse entre 40 e 45 prazas que se irán cubrindo por orde de solicitude dándolle prioridade ás familias empadroadas no concello. Se hai vacantes cubriranse con familias nas que algún dos seus membros teña vinculación laboral con San Sadurniño e, en último caso, con pequenos e pequenas doutros municipios, con preferencia para quen estea estudando no CPI de San Sadurniño. O prazo para facer o papeleo empeza hoxe.

As 45 prazas dispoñibles están condicionadas pola demanda que exista e pola idade dos nenos e nenas participantes, xa que na faixa horaria de 8 a 10 h. só se ofertan entre 10 prazas.  Ademais, tamén cómpre ter en conta que se reservarán alomenos tres prazas para casos que poidan vir derivados do departamento de Servizos Sociais.

O horario global é de 8 a 14 horas de luns a venres dividido en dúas quendas: unha de 8 a 10 e outra de 10 a 14 horas. Na primeira quenda haberá un monitor ou monitora e na segunda incorporaranse ao servizo outras dúas persoas, que se encargarán da organización dos xogos e outras actividades de lecer e aprendizaxe, moitas delas ao aire libre cando o tempo o permita.

As cotas mensuais mantéñense como en anteriores. En función do horario de entrada na actividade e do número de membros dunha mesma familia que se queiran inscribir, os prezos serán os seguintes:

Horario de 8.00 a 14.00h Horario de 10.00 a 14.00h.
1º Membro da unidade familiar 90€ 60€
2º Membro da unidade familiar 60€ 40€
3º Membro da unidade familiar 30€ 20€

 

As matrículas poderán formalizarse en dous periodos e debe terse en conta que a selección se fará por orde de inscrición. O prazo de matrícula para o servizo durante o mes de xullo estará aberto do 1 ao 17 de xuño e no mesmo periodo tamén se poderá reservar praza para o mes de agosto pagando dous meses. Só poderán pagar as familias que figuren empadroadas no concello, xa que son as que teñen preferencia. As de fóra terán que agardar a que lles confirmen antes a praza.
Para inscribir os nenos na Aldea de verán durante o mes de agosto o prazo estará aberto entre o 1 e o 15 de xullo coas mesmas condicións que no caso anterior.

Quen queira obter máis información sobre o programa pode dirixirse aos servizos de Igualdade do Concello de San Sadurniño ou chamar ao 981 490 027. A Aldea de verán é un proxecto que conta con finanzamento da Deputación da Coruña.

Documentos descargables:
Ficha de inscrición
Cuestionario Médico
Autorización

 

Share.