A Aldea de Verán completa o seu cupo para o mes de xullo

0

A área de Servizos sociais e Igualdade acaba de publicar a adxudicación de prazas para a quenda do mes de xullo do programa de conciliación Aldea de Verán. En total admitíronse 46 solicitudes de familias do concello ou con algunha vinculación co territorio acreditada documentalmente cando se presentou a instancia, ben fose de tipo laboral ou por ter a rapazada matriculada no CPI.  As seis peticións que quedaron fóra pasarán formar parte  dunha lista de agarda por se se producisen baixas. As familias que contan con praza poden efectuar xa o pagamento do servizo elixido e, ademais, están convocadas a unha xuntanza informativa sobre o programa que terá lugar na Casa da Xuventude o xoves 28 de xuño ás 19.30h. 

Segundo os datos facilitados por Servizos sociais e Igualdade, para este primeiro mes da Aldea de Verán recibíronse 52 solicitudes. 32 delas foron de familias de San Sadurniño, 4 de familias que acreditaron vinculación laboral co municipio e 10 referidas a menores con matrícula no colexio público. As seis restantes que formarán parte da lista de agarda quedaron excluídas do cupo ofertado por non ter demostrada a súa relación  de tipo laboral ou escolar co concello, independentemente de que algunhas delas fosen as primeiras en ser entregadas no rexistro.

O programa  busca ofrecerlle á rapazada de entre 3 e 12 anos un espazo de lecer e educación durante as vacacións do verán, ao tempo que lles axuda ás familias a combinar traballo e coidado dos nenos e nenas neses dous meses en que están na casa.  O horario global é de 8.30 a 14.30 horas de luns a venres dividido en dúas quendas: unha de 8.30 a 10 e outra de 10 a 14.30 horas. Na primeira quenda haberá un monitor ou monitora e na segunda incorporaranse ao servizo outras dúas persoas, que se encargarán da organización dos xogos e outras actividades de lecer e aprendizaxe, moitas delas ao aire libre cando o tempo o permita.  A quenda do mes de xullo botará a andar o martes 3.

Desde a primeira semana de xullo tamén estará aberto o prazo para presentar as solicitudes para a Aldea de Verán do mes de agosto. Poderanse achegar as instancias desde o 2 ata o 16 de xullo través da Sede Electrónica do Concello e desde o 3 ata o 16 de xullo de forma presencial a través do rexistro municipal.

Para a quenda de agosto volven ofertarse 45 vacantes, aínda que cómpre ter en conta que as familias empadroadas no concello tiveron a posibilidade de reservar praza  para a segunda parte do programa no momento de solicitar a inscrición para a quenda de xullo. En calquera caso o Concello publicará con posterioridade ao peche das inscricións un listado onde se farán constar tanto as circunstancias da admisión como as posibles exclusións que, de igual modo, formarán parte dunha lista de agarda por se houbese baixas.

Documentación descargable:
Resolución da adxudicación de prazas para a quenda de xullo
Ficha de solicitude e información sobre a adxudicación de prazas (.pdf)
Autorización
Cuestionario médico

 

 

 

Share.