A AGFA e a Casa do Mel recuperan os cursos de fructicultura e apicultura suspendidos pola crise sanitaria

0

O Concello, a AGFA e a Casa do Mel de Goente volven lanzar as convocatorias formativas que quedaran suspendidas polo Estado de Alarma. Organizan dous cursos que serán gratuítos para veciñanza empadroada en San Sadurniño, un deles centrado nos labores que cómpre facer neste momento nas árbores froiteiras e outro que tratará ao longo de catro xornadas a iniciación no mundo do mel e as abellas. As inscricións hai que facelas chamando ao 981 490 027. Vexamos as datas, horarios e temas que se van tratar.

Os primeiros días aos que cómpre facer referencia son o 4, 5, 11 e 18 de xullo, de 9.00 a 14.00h., cando se desenvolverá o Curso de Iniciación á apicultura. Durante estas catro xornadas veremos a bioloxía do enxame, o funcionamento da colmea e o papel de quen coida dela. Tamén se tocará a instalación do apiario, cal é a flora melífera, a reprodución do enxame e a saúde das abellas. O último día falarase da produción e da comercialización de mel, pole, própole, xelea e cera.

A formación teórica impartirase na Casa da Cultura -suxeita a dispoñibilidade nos primeiros días de xullo por mor dos actos de campaña electoral-, mentres que as prácticas se farán no apiario da Cortiña. Está prevista unha visita á Casa do Mel de Goente.

O último día para apuntarse é o 3 de xullo ás 12.00h.. Terán prioridade as veciñas e veciños de San Sadurniño e persoas asociadas á Casa do Mel. En ambos casos o obradoiro é gratuíto, mentres que para o resto de inscricións o prezo serán 40€. É necesario xuntar un grupo de 10 persoas como mínimo e de 20 como máximo.  Para inscribirse ou solicitar máis información cómpre chamar ao 981 490 027.

Para o segundo curso, o de Iniciación á fructicultura, as datas previstas son o 10, 17 e 31 de xullo, 7 e 14 de agosto, de 16.30 a 20.30h. Ignacio Bellas encargarase de impartir este curso da Asociación Galega da Froita Autóctona dirixido a persoas que queiran iniciarse ou mellorar os seus coñecementos sobre a produción das
árbores froiteiras.

A actividade abordará a morfoloxía, as técnicas de plantación e as tarefas de mantemento, poda e enxertado. A teoría darase tamén na Casa da Cultura e para as prácticas acudirase á horta de conservación Carlos
Fornos.

Unha das xornadas resérvase para visitar unha explotación. O curso é de balde para a xente de calquera parroquia de San Sadurniño e para persoas socias da AGFA. Para o resto, 40€. Podedes apuntarvos ata as 14.00h. do día 8 de xullo chamando igualmente ao Concello: 981 490 027. Hai 20 prazas dispoñibles e deberán xuntarse alomenos 10 solicitudes para levar adiante a actividade.

Share.