A AGADER convocará este martes axudas para investimentos en pequenas empresas do rural

0

A empezos de ano a Xunta adoita publicar convocatorias de axudas case a diario. Unha das máis interesantes que van saír de maneira inminente -seguramente mañá martes- é a liña dirixida a investimentos realizados por microempresas e pequenas empresas, persoas autónomas e titulares de explotacións ou familiares que traballen en zonas rurais, sempre e cando eses investimentos non se destinen a iniciativas agropecuarias . A convocatoria, titulada “Ampliación e modernización de todo tipo de pequenas empresas que desenvolvan actividades non agrarias en Galicia”, financiará a compra de maquinaria e equipamento cun orzamento total comprendido entre os 10.000 e os 220.000 euros (de 5.000 a 100.000 se as solicitudes son do sector da artesanía), con achegas que cubrirán o 45% dos gastos subvencionables. Trala publicación das bases das axudas no Diario Oficial de Galicia haberá un mes de prazo para solicitalas. Os gastos que queiran incluírse nelas non poderán estar feitos antes de tramitar a petición.

A convocatoria adxudicará os fondos en réxime de concorrencia competitiva, o que quere dicir que se irán distribuíndo os cartos en base á puntuación obtida polos proxectos presentados, atendendo a criterios poboacionais e demográficos dos territorios onde se asenten; que sexan zona de montaña; que as persoas promotoras sexan mulleres, xente moza ou con discapacidade; que as iniciativas contribúan á diversificación económica do rural e sexan creadoras de emprego, que conten con certificacións da calidade, da xestión ambiental ou de responsabilidade social, etc.

Esta liña autonómica finánciase con fondos europeos a través da AGADER e oriéntase a apoiar os gastos en maquinaria e outro equipamento que precisen facer as pequenas empresas e persoas autónomas das zonas rurais, aínda que cómpre puntualizar que non entran nelas as actividades produtivas das explotacións agrícolas e gandeiras recollidas neste listado, nin tampouco as das empresas de extracción ou primeira transformación forestal (aserradoiros non, carpintarías si, por exemplo). Tampouco poderán acollerse as empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal nin as de servizos enerxéticos.

A AGADER aclara, porén, que as axudas poderán beneficiar a titulares de explotacións ou membros da súa unidade familiar que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e cuxo proxecto se desenvolva na propia explotación.

A pesar destas excepcións xerais, na orde quedará aínda un abano moi amplo de actividades que si terán acceso ás  axudas. Os proxectos deben ter un orzamento elixible superior a 10.000 euros e inferior a 220.000. Se se trata de iniciativas relacionadas coa artesanía, os límites establécense nos 5.000 euros como mínimo e nos 100.000 como máximo. A relación de posibles beneficiarias son:

a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.
b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €.
c) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos
d) Prestación de servizos sociais (garderías, coidado de persoas maiores, de persoas con discapacidade, granxas-escola…).
e) Actividades de ocio, recreativas e deportivas.
f) Artesanía e actividades artesanais.
g) Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico.
h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.
i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

En todo caso, o que se queira mercar ha de servir para cumprir algún dos seguintes obxectivos: reducir custes; aumentar a competitividade da empresa ou o valor engadido de produtos, a calidade ou a diversificación dos produtos; reducir o impacto ambiental; mellorar a rastrexabilidade e seguridade das producións; implantar novos procesos; mellorar a comercialización, etc.

Non poderán incluírse nos proxectos as unidades de investimento inferiores a 1.000 euros (sen ive) nin se financiarán gastos funxibles, envases e embalaxes, a reposición ou substitución de maquinaria -salvo que sexa máis moderna e use unha tecnoloxía distinta que responda aos obxectivos anteriores-, equipos de calefacción ou climatización, traídas e acometidas de servizos, máquinas e equipamentos de segunda man, licenzas de software ou deseño de páxinas web, compra de vehículos de transporte exterior -tampouco especiais agrícolas e de obras, nin a súa adecuación-, mobiliario, instalacións, útiles e ferramentas, gastos de alugueiro, etc. É importante ter en conta que a empresa xa debe estar en marcha desde o ano pasado para concorrer a estas axudas.

Nunha comunicación remitida ao Concello por parte da AGADER avanzando o contido da orde que se publicará mañá martes explícase que “con carácter xeral” serán subvencionables a compra de maquinaria e equipamentos novos “afectos á actividade empresarial” e que sexan necesarios para o seu desenvolvemento. Apúntase tamén que o importe da achega será “o 45% dos gastos subvencionables”, que non poderán estar feitos antes de tramitar a solicitude (podemos mercar a maquinaria ao día seguinte de rexistrar a solicitude, pero non antes). Se nos dán a axuda teremos de prazo até o primeiro de outubro para xustificar os gastos.

O prazo de solicitude das axudas será dun mes, contado desde o día seguinte á publicación da convocatoria (incluído). Para obter máis información sobre ela pode contactarse coa AGADER a través do correo infoagader@xunta.gal ou nos teléfonos 981 547 382, 981 547 369, 981 542 690. Tamén se lle poden consultar dúbidas sobre o procedemento ao Técnico de Desenvolvemento Local, Ignacio Fernández, no 981 490 027.

Cómpre recordar, por último, que o IGAPE tamén publicou a principios deste mes unha convocatoria para a creación de empresas en zonas rurais para o desenvolvemento de actividades non agrarias que contribúan á creación de emprego e á diversificación e sustentabilidade do medio rural. A relación de actividades cuxa implantación será subvencionable é a mesma que aparece no listado das subvencións da AGADER. As persoas autónomas ou pequenas empresas que queiran acollerse a estoutra liña de axudas non poderán estar constituídas antes da data de solicitude. O prazo remata o 8 de marzo.

Share.