A AGA-Ferrolterra ensaia novos métodos para loitar contra a avespa asiática

0

A Casa da Xuventude acolleu este sábado unha charla impartida por Rafael Díaz ao respecto dos sistemas de loita que está utilizando neste momento a AGA-Ferrolterra para acabar coa vespa velutina nigrithorax. Son varios e cada un deles ten os seus pros e as súas contras, así como tamén as súas indicacións. E é que tanto a AGA como outras entidades apícolas combaten a avespa asiática desde múltiples frontes que requiren cadanseu sistema, posto que non é o mesmo destruír un niño no bico dun eucalipto que protexer dos ataques un colmear. En todas esas frontes anda a AGA ensaiando sistemas que ofrecen distintos resultados. Dous deles, o da pértega incineradora contra os niños e o das trampas eléctricas nas colmeas, están funcionando xa en San Sadurniño.

O sistema de loita eléctrica é máis ben un dispositivo  pensado para protexer as colmeas dos ataques da velutina que un método de loita en si mesmo. Trátase dunha especie de lira ou arpa de cables de aceiro moi finos montados sobre un bastidor de plástico. A estrutura mide aproximadamente 1×1 metros e está feita con tubo de pvc. Esta protección vai colocada diante da entrada das colmeas e os cables teñen unha separación calculada para deixar pasar as abellas mentres que as velutinas, si ou si, sempre tocarán os fíos con algunha parte do corpo… quedando fritidas ao momento. Funciona igual que os aparellos matamoscas eléctricos que podemos atopar en calquera tenda de electrodomésticos e incluso se podería utilizar un destes dispositivos comerciais -hai ofertas por menos de 10 €- para destripalos, aproveitarlles os compoñentes e facer unha trampa pola nosa conta.

Segundo explicou este sábado Rafael Díaz, hai modelos de arpa patentados que custan entre 600 e 800 euros, mentres que un aparello caseiro “pode facerse por menos de 100”. Sobre os resultados, Díaz contou que o sistema “é bastante efectivo”, indicando ademais que cada trampa eléctrica pode protexer arredor de “6 ou 7 colmeas”.

O representante da delegación da AGA en Ferrolterra tamén indicou que nos primeiros días poden darse algunhas baixas entre as abellas que, porén, non terían demasiada repercusión no estado da colonia. O único inconveniente que ofrece é o do sistema de alimentación, para o que a AGA recomenda botar man dunha conexión á rede -cando se trata de colmeares próximos a casas- e, se non, instalar pequenos paneis solares.

En calquera caso, desde a delegación de Ferrolterra ofrecen toda a documentación técnica da que dispoñen por se alguén quere probar a construír a súa propia trampa. Mesmo facilitan asesoramento técnico e información sobre os lugares onde conseguir todos os compoñentes. Abonda con enviar un correo a  dagaferrol@hotmail.com para recibir de balde un tutorial paso a paso en pdf.

Loita contra os niños
A charla  tivo tamén como obxectivo informar sobre o equipamento adquirido recentemente polo Concello para a destrución de niños. Son un traxe especial e unha pértega incineradora que están á disposición da veciñanza que queira eliminar niños de preto das casas, no caso de que a resposta do 012 se retrase máis do debido e unicamente cando exista certo perigo para as persoas.

A pértega é, literalmente, “un lanzachamas de butano” que, segundo Díaz, “acaba cun niño en escasos cinco minutos”. Non é máis que un conxunto de tubos que se poden ir ensamblando dependendo da altura á que se encontre a colonia. No extremo vai un tubo reforzado no que se puxeron un soplete e máis un chuzo que se introduce no niño para que a estrutura estea fixa dando lume sempre no mesmo punto. Para Díaz, este é un sistema tamén “moi efectivo” que só debe usarse en grandes niños secundarios “e cando as condicións de humidade permitan usalo con total seguridade”.

Para os outros niños -os primarios ou os secundarios en estado inicial- o experto avoga polo aerosol con veleno e a retirada manual que, igual que nas incineracións “deben facerse de noite e sen luz ou con luz vermella, xa que as avespas non poden vela”, co obxectivo de que non quede fóra ningún exemplar capaz de refundar a colonia.

Para estes niños de menor tamaño que adoitan aparecer en cabanas, fiestras e penais, desde a AGA tamén falan da loita con vapor como unha boa solución. Para iso abonda usar unha vaporeta das que se empregan para a limpeza de cristais ou sistemas de pasar o ferro. Cómpre ter en conta que a velutina non soporta temperaturas superiores aos 45 graos. Por iso, se inxectamos no niño vapor a 100 ou incluso máis graos acabaremos tanto coas avespas como coas súas larvas, sen ter os problemas colaterais asociados ao lume. Ademais, ao estar feitos os niños con celulosa, tan pronto como acabe o tratamento ha acabar caendo de onde estea polo seu propio peso e dunha peza.

Iso si, todas estas operacións hai que facelas adoptando as máximas medidas de seguridade -o uso de traxe protector é unha delas- e, se é posible, encomendándolle o traballo a unha persoa con coñecementos en apicultura. Desde o Concello tamén se lembra que o único protocolo oficial de loita contra a avespa asiática é o posto en marcha pola Xunta e que, neste sentido, cando apareza un niño é obrigatorio notificalo a través do 012. 

Share.