A actual corporación celebra o seu último pleno

0

A corporación local de San Sadurniño, tal e como está hoxe configurada, celebrou este mediodía a súa última sesión plenaria. Foi con motivo da convocatoria extraordinaria para aprobar a acta anterior, polo que o pleno durou pouco máis de minuto. Tempo máis que dabondo para darlle o visto e prace por unanimidade a ese único punto da orde do día e tamén para que o alcalde en funcións, Secundino García, despedise aos cargos electos que non repetirán no próximo mandato: Manuel Romero Castrillón e Cristina Calvo Tuimil (ausente) polo PP, Yolanda Vázquez Pazos polo PSdeG-PSOE e Sabela Íñiguez Cinza e máis Suso Soto Vivero por parte do BNG. A partir do sábado o Concello quedará constituído co mesmo número de representantes por cada formación -7 BNG, 3 PP e 1 PSOE-, aínda que cunha corporación renovada case ao 50%.

Xa avanzabamos onte que serán cinco os nomes que entrarán na corporación para o mandato 2019-2023, catro deles por primeira vez e nun dos casos, o da nº 2 do BNG, María Muíño Filgueira, esta será a terceira vez desde 2007 en que ocupe un escano, despois de ter participado nos dous primeiros gobernos encabezados por Secundino García. Estréanse, polo tanto, María Esther Díaz Vergara e José Luís Hermida Prieto polo PP, Lois Anxo Rodríguez Calvo como único representante socialista e, na bancada nacionalista, Tomás Calvo, nº 7 da lista do Bloque para as municipais.

Quen continuarán, previsiblemente, outros catro anos serán o resto de membros do actual equipo de goberno, é dicir, Secundino García, Manolo Varela, Amparo Calvo, Manolo Beceiro e Ana Belén Breixo. Canda eles e elas repite tamén María Belén Trigo Meizoso, nº 1 do Partido Popular.

No minuto e 9 segundos que durou o pleno, o rexedor en funcións tivo palabras de agradecemento “no meu nome e no de todo o pobo de San Sadurniño” para os cargos saíntes. “Quero agradecerlles a Yolanda, Manuel, Suso e Sabela os servizos prestados. O Concello segue aquí, seguimos sendo todos veciños e saben que teñen a administración para o que necesiten”, dixo García antes de volver recoñecerlles “o traballo feito polo ben común” e de levantar a sesión, a última do presente mandato corporativo.

O pleno de constitución da nova corporación celebrarase o sábado a partir das 11.00h., aínda que será nunha convocatoria posterior -dentro do prazo máximo dun mes- cando se definan aspectos como os días e horas elixidos para os plenos ordinarios, a creación e composición das comisións informativas e permanentes e o nomeamento de representantes da corporación en órganos colexiados. Nese mesmo pleno -coñecido comunmente como “pleno de organización”-  tamén se dará conta das resolucións co nomeamento das tenencias da alcaldía e as delegacións, ademais da composición da Xunta de Goberno Local e os nomes que ocuparán a presidencia das comisións informativas.

 

 

Share.