A actividade veciñal volve encher a xornada do sábado

0

A comisión de festas do San Cristovo 2017, a asociación ConcienciArte  e a delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apìcultura serán as encargadas de ofrecernos que facer durante  este sábado. En Ferreira agardan encher a explanada da capela con xente amiga da parroquia, amiga da festa e amiga da paella nunha nova edición do xantar popular, mentres que ConcienciArte ten preparada  unha saída pola mañá para aprender a recoñecer plantas medicinais. No caso da AGA a proposta, tamén de mañá,  vai en forma de charla sobre a importancia das abellas para o ecosistema. Un evento co que se conmemora a data oficiosa  do Día Internacional das Abellas e no que tamén se aproveitará para entregar os premios do concurso de capturas de raíñas de velutina convocado entre o alumnado do CPI hai varias semanas. 

A charla sobre a relación das abellas co medio ambiente comezará ás 11.00h. na Casa da Xuventude e con entrada libre. O persoal especializado da Asociación Galega de Apicultura falará do delicado equilibrio dos ecosistemas terrestres e do xeito en que ese equilibrio está condicionado pola polinización das plantas. Un traballo, o da polinización, que desenvolven as abellas con grande efectividade.

Pola mesma razón, calquera cousa que prexudique as abellas tamén pon en perigo o ambiente. E ameazas para as abellas hainas espesas: uso indiscriminado de pesticidas e insecticidas, pragas, fungos e parasitos que atacan as colmeas… E tamén as velutinas, ás que a apicultura galega lles ten declarada a guerra. Neste sentido a delegación comarcal da AGA convocou a finais de marzo un concurso para implicar na loita á comunidade escolar. A proposta foi sinxela: que a rapazada trampease todo o que puidese e quen máis raíñas fundadoras consiga capturar ata o sábado levará premio.

O resultado do concurso coñecerase este sábado sobre as 12.30h., hora á que está posta a entrega de agasallos ás rapazas e rapaces máis hábiles pillando os exemplares cos que nacen novos niños de vespa velutina nigrithorax que, segundo parece, é un dos métodos máis efectivos para deter o avance da invasión.

Herbas aromáticas e medicinais en Silvalonga
A outra actividade prevista para a mañá do sábado -10.00h.- chega da man de ConcienciArte, cultura colectiva do rural, a entidade que antes se denominaba Con Suma Conciencia.

O seu obradoiro ocuparase do coñecemento das distintas plantas silvestres medicinais e comestibles que se poden atopar na zona de Silvalonga. A sesión terá dúas partes. Na primeira sairase dar unha volta para identificar as plantas e na segunda, xa no local da antiga escola, falarase sobre os métodos de recolección, secado e conservación.

Segundo a asociación, o obradoiro ten como obxectivo “revalorizar o noso patrimonio etnobotánico así como o uso que a medicina tradicional sempre fixo das plantas”. Por outra banda, ConcienciArte tamén pretende fomentar “as alternativas ao uso de produtos industriais que poden sentar as bases para unha economía doméstica independente”.

O prezo de participación nesta actividade será de 10€ para persoas non socias da entidade, mentres que as socias poderán asistir de balde. Para apuntarse ou solicitar máis información hai que chamar ao 656.260.284.

Paella en Ferreira de Arriba
E a última proposta veciñal para este sábado lévanos até o aparcadoiro da capela de San Cristovo, en Ferreira, onde se celebra a partir das 14.00h. a cuarta edición do Xantar popular da parroquia.

A convocatoria gastronómica lánzaa a comisión de festas do San Cristovo e o prato estrela será unha paella que poderán degustar ata 1.000 comensais, aínda que o menú incorpora tamén xarrete de tenreira asado, sobremesa, café e un licor.

O xantar terá lugar baixo unha carpa e os tiques están á venda no Bar Ferreira, en Casa Casal, no Bar Xayda, no Bar del Palacio e na cafetería As Tres Pontes por un prezo de 20 €. Os nenos e nenas de menos de cinco anos non pagan e os de 5 a 12 anos terán un prezo especial de 10 €. Ademais, tamén terán para eles hinchables e xogos. A xornada inclúe a animación musical do Dúo Suso.

 

Share.