O Ministerio de Sanidade aclara que os profesionais autónomos poderán seguir traballando se a súa actividade non se viu interrompida polo decreto do Estado de Alarma

0

A publicación do Real Decreto-lei 10/2020, de 29 de marzo que regula o permiso retribuído e recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais supón a interrupción durante as próximas dúas semanas de todas as actividades laborais que non estean recollidas nese real decreto que entrou en vigor este luns. Poderán seguir funcionando todas as que xa viñan prestándose ao abeiro do decreto do Estado de Alarma, é dicir, supermercados e tendas de produtos básicos, farmacias, estancos, servizos sanitarios e de atención, transportes e toda a cadea implicada na produción e distribución de bens sanitarios e alimentarios, incluída a agricultura e a gandeiría. Todo o non recollido no real decreto deberá deterse  -aínda que se deu de prazo ata este 31 de marzo para planificar os peches- e as empresas deberán facilitarlle ao persoal un permiso retribuído e recuperable, que se aplicará durante o período comprendido entre o 30 de marzo e o xoves 9 de abril.  A norma refírese unicamente a persoas traballadoras por conta allea, agás as acollidas a un ERTE, á prestación de servizos mediante teletraballo ou a situacións de incapacidade ou cun permiso concedido por maternidade/paternidade. Os autónomos que non visen interrompida a súa actividade polo Estado de Alarma poderán seguir traballando, tal e como aclarou o Ministerio de Sanidade nunha orde publicada o luns á noite.

De cara ao funcionamento do Concello o real decreto ten unha incidencia mínima, posto que o labor das Administracións locais si ten a consideración de servizo esencial e boa parte do cadro de persoal xa está adaptado ás circunstancias sanitarias con quendas en cada servizo ou mediante fórmulas de teletraballo, mentres que o básico -SAF e recollida do lixo principalmente- segue traballando con normalidade aínda que con rutinas que se viron modificadas para atender as actuais circunstancias.

Tamén se manteñen servizos subcontratados coma o do mantemento eléctrico, o dos espazos verdes, o da limpeza de instalacións ou o de comunicación. De feito, dos que se prestarían en condicións normais só está suspendido o da EIM A Rolada.

En canto a outras actuacións municipais que si se verán interrompidas polo decreto publicado onte á noite só cómpre reseñar a obra de ampliación do centro social de Lamas, da que se estivo encargando até o venres a empresa Construcciones Canosa. En cumprimento da normativa, a firma pontesa xa non traballou hoxe nun proxecto que, neste momento, ten executada a estrutura principal. De acordo cos prazos sinalados no RD -e se non hai prórrogas- retomará o seu labor o día 13 de abril.

A declaración do Estado de Alarma hai quince días colleu ao Concello nos compases finais das obras viarias que estaba acometendo con fondos provinciais e autonómicos. Durante febreiro rematáronse as de maior envergadura, como foron os aglomerados que conectan Santa Mariña e Bardaos e Bardaos con Moeche, o que sobe desde o Castro até o Cando -Igrexafeita- e o do eixo que enlaza o límite coas Somozas en Amido co lugar da Chabola, en Ferreira. A derradeira obra antes da campá sanitaria foi o asfaltado dos tramos O Freixo-A Vila e A Longra-A Braña (pasando polos Foxos), en Naraío, que quedou listo o pasado 18 de marzo.

Actividades que non se suspenden
Nas roldas de prensa ofrecidas o sábado por Pedro Sánchez e o domingo polas ministras da portavocía do goberno e de Traballo -María Jesús Montero e Yolanda Díaz-  o Estado insistiu en que o Real Decreto 10/2020 ten como finalidade reducir a niveis de fin de semana os desprazamentos por motivos laborais e a actividade das empresas durante as próximos 15 días, co obxectivo de minimizar así posibilidades de contaxio do coronavirus.

A medida artellada é a da aplicación dun permiso retribuído e recuperable ao persoal de empresas non esenciais durante o período comprendido entre o 30 de marzo e o 9 de abril. Non son unhas vacacións, senón que as empresas terán que concederlles permisos pagados aos seus traballadores e traballadoras que despois, unha vez se normalice a situación, deberán recuperar as horas non traballadas ao longo dos meses seguintes e sempre antes do 31 de decembro de 2020. A patronal e a parte social de cada firma acordarán como han de recuperarse esas horas que, na práctica, son 8 xornadas completas por coincidir no medio do período decretado unha fin de semana e por enlazar directamente cos festivos da Semana Santa. A este permiso retribuído e recuperable non poderán acollerse os traballadores e traballadoras que estean xa inmersas nun ERTE e tampouco lle afecta ao persoal que faga teletraballo, que se encontre en situación de incapacidade temporal ou con permisos por maternidade/paternidade.

Os autónomos poden seguir traballando en actividades non suspendidas no decreto do Estado de Alarma
Este luns o BOE tamén publicou  unha aclaración con respecto ás novas medidas laborais, na que se indica que o Real Decreto-lei 10/2020, de 29 de marzo, só será de aplicación para as persoas que traballan por conta allea, mentres que os autónomos poderán continuar traballando sempre que a súa actividade non estea suspendida polo RD 463/2020, de 14 de marzo, no que se decretou o Estado de Alarma.

Por outra banda, as empresas que poidan seguir traballando -as que non teñan que acollerse obrigatoriamente ao permiso rertribuído- deberán emitirlles aos seus empregados e empregadas un documento con formato de declaración responsable para que poidan acreditar perante as autoridades os movementos que fagan entre o lugar de residencia e o lugar de traballo. O modelo dese documento encóntrase como anexo no BOE.

Horas de confusión
O decreto estatal sobre os permisos retribuídos fíxose esperar. A media tarde do domingo, pouco despois da rolda de prensa de María Jesús Montero e Yolanda Díaz, filtrouse na prensa un borrador con 40 apartados onde se recollían cales eran as actividades esenciais que poderían seguir funcionando, mentres que as non encadrables en ningún deses apartados deberían suspenderse. Porén, cerca da medianoite publicouse no BOE o texto definitivo, onde os epígrafes quedaron reducidos case á metade, e, un día despois, a aclaración sobre os traballadores por conta propia.

No anexo ao Real Decreto-lei 20/2020, de 29 de marzo, figura o listado das actividades que non deberán acollerse ao rexime de permisos retribuídos e recuperables (as que poden seguir funcionando con normalidade). Son as seguintes:

1. As que realicen as actividades que deban continuar desenvolvéndose ao amparo dos artigos 10.1, 10.4, 14.4, 16, 17 e 18, do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e da normativa aprobada pola Autoridade Competente e as Autoridades Competentes Delegadas.

2. As que traballan nas actividades que participan na cadea de abastecemento do mercado e no funcionamento dos servizos dos centros de produción de bens e servizos de primeira necesidade, incluíndo alimentos, bebidas, alimentación animal, produtos hixiénicos, medicamentos, produtos sanitarios ou calquera produto necesario para a protección da saúde, permitindo a distribución dos mesmos desde a orixe ata o destino final.

3. As que prestan servizos nas actividades de hostalería e restauración que prestan servizos de entrega a domicilio.

4. As que prestan servizos na cadea de produción e distribución de bens, servizos, tecnoloxía sanitaria, material médico, equipos de protección, equipamento sanitario e hospitalario e calquera outros materiais necesarios para a prestación de servizos sanitarios.

5. Aquelas imprescindibles para o mantemento das actividades produtivas da industria manufactureira que ofrecen as subministracións, equipos e materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das actividades esenciais recollidas neste anexo.

6. As que realizan os servizos de transporte, tanto de persoas como de mercadorías, que se continúen desenvolvendo desde a declaración do estado de alarma, así como daquelas que deban asegurar o mantemento dos medios empregados para iso, ao amparo da normativa aprobada pola autoridade competente e as autoridades competentes delegadas desde a declaración do estado de alarma.

7. As que prestan servizos en Institucións Penais, de protección civil, salvamento marítimo, salvamento e prevención e extinción de incendios, seguridade das minas, e de tráfico e seguridade viario. Así mesmo, as que traballan nas empresas de seguridade privada que prestan servizos de transporte de seguridade, de resposta ante alarmas, de rolda ou vixilancia descontinua, e aqueles que resulte preciso utilizar para o desempeño de servizos de seguridade en garantía dos servizos esenciais e o abastecemento á poboación.

8. As indispensables que apoian o mantemento do material e equipos das forzas armadas.

9. As dos centros, servizos e establecementos sanitarios, así como ás persoas que (i) atendan maiores, menores, persoas dependentes ou persoas con discapacidade, e as persoas que traballen en empresas, centros de I+D+i e biotecnolóxicos vinculados ao COVID-19, (ii) os animalarios a eles asociados, (iii) o mantemento dos servizos mínimos das instalacións a eles asociados e as empresas subministradoras de produtos necesarios para a devandita investigación, e (iv) as persoas que traballan en servizos funerarios e outras actividades conexas.

10. As dos centros, servizos e establecementos de atención sanitaria a animais.

11. As que prestan servizos en puntos de venda de prensa e en medios de comunicación ou axencias de noticias de titularidade pública e privada, así como na súa impresión ou distribución.

12. As de empresas de servizos financeiros, incluídos os bancarios, de seguros e de investimento, para a prestación dos servizos que sexan indispensables, e as actividades propias das infraestruturas de pagos e dos mercados financeiros.

13. As de empresas de telecomunicacións e audiovisuais e de servizos informáticos esenciais, así como aquelas redes e instalacións que os soportan e os sectores ou subsectores necesarios para o seu correcto funcionamento, especialmente aqueles que resulten imprescindibles para a adecuada prestación dos servizos públicos, así como o funcionamento do traballo non presencial dos empregados públicos.

14. As que prestan servizos relacionados coa protección e atención de vítimas de violencia de xénero.

15. As que traballan como avogados, procuradores, graduados sociais, tradutores, intérpretes e psicólogos e que asistan ás actuacións procesuais non suspendidas polo Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e, desta maneira, cumpran cos servizos esenciais fixados consensuadamente polo Ministerio de Xustiza, Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas con competencias na materia e plasmados na Resolución do Secretario de Estado de Xustiza de data 14 de marzo de 2020, e as adaptacións que no seu caos poidan acordarse.

16. As que prestan servizos en despachos e asesorías legais, xestorías administrativas e de graduados sociais, e servizos alleos e propios de prevención de riscos laborais, en cuestións urxentes.

17. As que prestan servizos en notaríalas e rexistros para o cumprimento dos servizos esenciais fixados pola Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública.

18. As que presten servizos de limpeza, mantemento, reparación de avarías urxentes e vixilancia, así como que presten servizos en materia de recollida, xestión e tratamento de residuos perigosos, así como de residuos sólidos urbanos, perigosos e non perigosos, recollida e tratamento de augas residuais, actividades de descontaminación e outros servizos de xestión de residuos e transporte e retirada de subproductos ou en calquera das entidades pertencentes ao Sector Público, de conformidade co establecido no artigo 3 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público.

19. As que traballen nos Centros de Acollida a Refuxiados e nos Centros de Estancia Temporal de Inmigrantes e ás entidades públicas de xestión privada subvencionadas pola Secretaría de Estado de Migracións e que operan no marco da Protección Internacional e da Atención Humanitaria.

20. As que traballan en actividades de abastecemento, depuración, condución, potabilización e saneamento de auga.

21. As que sexan indispensables para a provisión de servizos meteorolóxicos de predición e observación e os procesos asociados de mantemento, vixilancia e control de procesos operativos.

22. As do operador designado polo Estado para prestar o servizo postal universal, co fin de prestar os servizos de recollida, admisión, transporte, clasificación, distribución e entrega aos exclusivos efectos de garantir o devandito servizo postal universal.

23. As que prestan servizos naqueles sectores ou subsectores que participan na importación e subministración de material sanitario, como as empresas de loxística, transporte, almacenaxe, tránsito aduaneiro ( transitarios) e, en xeral, todas aquelas que participan nos corredores sanitarios.

24. As que traballan na distribución e entrega de produtos adquiridos no comercio por internet, telefónico ou correspondencia.

25. Calquera outras que presten servizos que fosen considerados esenciais.

Real Decreto-lei 10/2020, de 29 de marzo

Orde SND/307/2020, 30 de marzo, pola que se establecen os criterios interpretativos para a aplicación do Real Decretolei 10/2020, de 29 de marzo, e o modelo de declaración responsable para facilitar os traxectos necesarios entre o lugar de residencia e de traballo. (onde aparece a aclaración para autónomos)

Share.