Pleno longo e marcado polo debate no apartado das mocións

0

Cabía agardar que o primeiro pleno ordinario deste 2020 fose longo. E foino máis do que é habitual, dado que aos asuntos propios da xestión municipal se lle uniron catro mocións presentadas polo PSdeG-PSOE e polo BNG que promoveron un animado debate político entre os tres grupos da corporación. Na parte puramente executiva saiu adiante cos votos nacionalistas e do representante socialista o punto referido ao recoñecemento de crédito para o pagamento de facturas eléctricas, o novo regulamento para o servizo de taxi e o plan de prevención dos incendios forestais. Coa mesma correlación de apoios tamén se aprobaron as mocións relativas ao finanzamento do SAF e ao servizo de pediatría e as centradas nas melloras da sanidade pública e nas medidas que promovan o retorno da mocidade emigrada. O pleno, que durou 1 hora e 48 minutos, completouse con varias preguntas e, ao remate da sesión, cunha intervención desde o público ao respecto de distintos asuntos sobre a actualidade municipal e estatal.

O primeiro tema que se debateu foi o do recoñecemento extraxudicial de créditos para o pagamento de facturas eléctricas. Segundo se explicou na sesión, a acumulación de recibos debeuse a que a comercializadora non os presentou en tempo e forma a través da Plataforma de Facturación Electrónica -coñecida como FACE- e, polo tanto, o Concello non puido fiscalizar nin recoñecer o gasto no seu debido momento. Tal e como comentou o alcalde, a circunstancia afectoulle a facturas de varios exercicios que finalmente Gas Natural  rexistrou debidamente a finais de 2019, momento no que o exercicio económico xa estaba pechado. A razón de recorrer ao recoñecemento extraxudicial de créditos -que obrigatoriamente debe tratarse en pleno- é que se trata da fórmula que se ha de empregar para habilitar unha partida económica que permita satisfacer importes que veñan de exercicios anteriores. O punto saiu adiante cos votos favorables de BNG e PSOE, mentres que o PP optou pola abstención.

O seguinte tema, relativo á aprobación do regulamento do servizo de taxi no concello, obtivo a unanimidade dos tres grupos. O texto vén cubrir unha carencia normativa que existía en San Sadurniño, onde ata o momento só se dispuña dunha ordenanza sobre a taxa das licenzas pero non dunha regulamentación específica. O articulado aborda, entre outras cuestións, os requisitos e a xestión das licenzas, a vixencia, as condicións que deben cumprir as persoas titulares, as características dos vehículos e mesmo a maneira en que deben estar identificados como taxis de San Sadurniño. Tal e como quedou patente na sesión, o novo regulamento contou antes de chegar a pleno co consenso das persoas que exercen a actividade en San Sadurniño e tamén co dos tres grupos municipais.

O quinto punto na orde do día foi o do Plan Municipal de prevención de incendios forestais. O documento redactouno a empresa pública SEAGA ao abeiro dun acordo suscrito entre a Xunta e a FEGAMP co que se lles ofreceu aos municipios a posibilidade de redactar o propio plan e de adherirse ao programa de limpeza subsidiaria de faixas de protección ao redor dos núcleos de poboación. O plan recolle todos eses núcleos e marca sobre o mapa cales son as zonas sobre as que poderá actuará SEAGA no caso de que non o fagan as persoas titulares das fincas, xa que son elas quen teñen a obriga de manter libre de maleza e de especies pirofitas un radio de 50 metros. O BNG e mailo PSOE votaron a favor do plan. O Partido Popular decantouse pola abstención considerando que non se informara suficientemente á veciñanza sobre o contido do plan.

Superados os asuntos de carácter executivo, o pleno entrou no debate das mocións achegadas dentro do prazo ordinario polo PSOE e polo BNG. A primeira socialista -apoiada polo seu representante e polo BNG e co PP en contra- centrouse en reclamar maior finanzamento da Xunta e do Estado para o sostemento dos servizos de axuda no fogar que ofrecen os municipios.  A segunda moción volveu esixir o restablecemento do servizo de pediatría en San Sadurniño e, por extensión, noutros municipios da volta afectados pola “imprevisión” da Xunta á hora de cubrir vacantes. No debate houbo controversia entre PSOE e PP, quen defendeu os investimentos en sanidade pública malia recoñecer que, efectivamente, o défice de pediatras se debera a unha falla de previsión do goberno autonómico que, ademais, tamén terá repercusións no futuro da atención primaria. O BNG contextualizou o asunto nun “inaudito” proceso de “desmantelamento da sanidade” do que responsabilizou directamente ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A moción aprobárona BNG e PSOE mentres que o PP se abstivo.

A primeira das propostas achegadas polo Bloque Nacionalista Galego tamén estivo relacionada coa defensa da sanidade pública e, nomeadamente, co apoio á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para o próximo 9 de febreiro en Santiago. Entre outras cuestións denúnciase a saturación nas urxencias ou a falla de profesionais, poñendo como exemplo a situación vivida no PAC de San Sadurniño durante o Nadal, ademais da precariedade laboral, a privatización de recursos e a derivación de pacientes cara a clínicas privadas. A favor do texto estiveron BNG e PSOE. O PP votou en contra non sen antes asegurar que a sanidade galega “é 100% pública e ofrecida por profesionais do SERGAS” e defendendo o labor da Xunta e da Consellaría para “mellorar a situación” do sistema sanitario galego.

A última moción ordinaria, tamén do BNG, abordou a solicitude de medidas que freen a emigración e que, ao mesmo tempo, promovan o regreso de quen tivo que marchar, sobre todo mocidade que deixou Galicia na procura de traballo durante os momentos máis duros da crise económica. O argumentario insta a que o Parlamento de Galicia tome a emigración como “un drama social e nacional” equiparable a unha situación de “emerxencia” que require políticas da Xunta dirixidas ás súas causas, entre elas a defensa da base produtiva do país, a creación de emprego digno e de calidade, a aposta pola igualdade e a conciliación, e a promoción de sectores estratéxicos. O PP rexeitou a moción aludindo a que os datos estatísticos estarían confirmando que a emigración está retornando. Un extremo rebatido polo alcalde, quen puntualizou que quen están volvendo “son os que marcharon nos anos 60 e agora están xubilados” e que “o sangrante” é que “sigue marchando xente nova”. De novo BNG e PSOE estiveron de acordo co contido da moción.

Antes de entrar no apartado de rogos e preguntas, Secundino García propuxo incorporar pola vía da urxencia unha moción dirixida ao pleno pola asociación de familias de persoas enfermas de Alzhéimer AFAL-Ferrolterra a xeito de declaración institucional en apoio do Plan Nacional de Alzhéimer e outras demencias 2019-2023. Tras aprobar a urxencia, os tres grupos déronlle o seu voto á proposta co compromiso de darlle difusión a través dos medios municipais.

Rogos, preguntas e intervención do público
A sección plenaria reservada para as preguntas -xa no último tramo da sesión- estivo capitalizada, en primeiro lugar, polas cuestións expostas polo representante socialista. Lois Anxo Rodríguez interesouse polo vertido que sufriu o río Castro a semana pasada e sobre as xestións que fixera o Concello ao respecto para esclarecer o ocorrido. Secundino García informou de que se lle dera parte ao SEPRONA e que todo apunta a un novo episodio relacionado coas balsas de decantación da canteira situada río arriba. Rodríguez tamén preguntou sobre se o consistorio explorara a posibilidade de integrarse nalgún dos plans integrados de emprego da Consellaría de Economía, Emprego e Industria. O alcalde respostoulle que San Sadurniño non podía acollerse aos mesmos por ter unha taxa de paro inferior ao mínimo esixido nas bases da convocatoria. Porén, tamén adiantou que os concellos que forman parte do proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal estudian a posibilidade de impulsar en conxunto algún proxecto coa mesma finalidade.

Esther Díaz foi a encargada de expor as preguntas por parte do Partido Popular, empezando polas razóns que levaron ao executivo local a poñer un prezo de 10€ para os obradoiros de memoria que comezarán en breve nas parroquias. María Muíño comentou que, a diferenza de anos anteriores, o programa cambia cuantitativa e cualitativamente, posto que terá unha periodicidade semanal e cun proxecto que amplía contidos e actividades. A concelleira sinalou que a ampliación do programa fora unha demanda das persoas participantes, quen incluso se terían ofrecido a asumir parte dos custos.

O PP referiuse tamén ao feito de que na Casa da Cultura se puidese pagar en metálico as entradas en eventos e que, pola contra, os prezos públicos que se cobran no Concello teñan que satisfacerse indo ao banco. O rexedor aclarou que no caso dos espectáculos é a solución máis operativa e que, en calquera caso, tanto na Casa da Cultura como no rexistro municipal existen terminais de pagamento con tarxeta para non ter que acudir ás sucursais bancarias facer o correspondente ingreso.

Noutra orde de cousas o Partido Popular pediu que se limpasen as cunetas daquelas pistas municipais máis propensas a asolagarse cando hai fortes chuvias e preguntou como se tiña previsto levar á práctica o bando publicado a finais de 2019 polo Concello advertindo da necesidade de despexar de árbores as beiras das estradas. O alcalde precisou que o obxectivo do bando era “apelar ao sentido común” retirando “pouco a pouco” aquelas árbores nas que, por exemplo, chega a tocar o transporte escolar ou as que ameazan con caer enriba das vías públicas por causa do vento.

Por último, o PP tamén pediu que se trouxesen ao próximo pleno as demandas veciñais expresadas nas asembleas celebradas polas parroquias co gallo do orzamento participativo. Neste sentido o grupo popular tamén preguntou cando estaba previsto someter o documento orzamentario á valoración do pleno. O alcalde respostou que se está traballando nel, suxerindo que o retraso se debe á ausencia do Secretario-Interventor municipal e razón pola que, seguramente, haxa que recorrer para darlles forma á axuda técnica do departamento de asistencia a concellos da Deputación da Coruña.

Na quenda de preguntas formuladas polo público só houbo unha intervención dun veciño de Naraío que achegou varias cuestións  -máis ben reflexións nalgúns casos- ilustradas con citas a José Martí, Churchill ou Von Bismarck. Entre elas as previsións de arranxo da pista que vai desde o Eirexado até o límite coa Capela -para a que xa hai tres proxectos aprobados dentro do Plan Complementario do POS+-, os motivos de que os plenos se celebren os xoves e non os sábados como ocorría no mandato anterior, a maneira en que se executará a limpeza das beiras das pistas, o posicionamento do BNG con respecto ás peaxes da AP-9 ou sobre o peche de Endesa As Pontes e, por último, un efusivo eloxio a Pedro Sánchez como “home de Estado” e unha crítica encendida ás repercusións negativas do proceso secesionista catalán.

Audio íntegro do pleno

Share.