85 deportistas e 14 equipos no X Tetramaratón de San Sadurniño

0

Ás 9.30h. deste Xoves Santo comezará no pavillón municipal e nas pistas do CPI a décima edición do Tetramaratón de San Sadurniño. Un evento que enfrontará a 14 equipos xogando a catro deportes distintos: fúbol sala, volei, hóckey e baloncesto. En total xuntaranse na pista arredor de 85 deportistas con idades e estados físicos tamén moi distintos. De feito, a competición empezou hai varios días co mercado local de fichaxes no que se configuran as escuadras, que pouco varían dun ano a outro. No deseño dos equipo búscase o equilibrio entre a puxanza da mocidade e o saber da veteranía e, obviamente, un desempeño máis ou menos bo nas catro disciplinas. O tetramaratón é todo un espectáculo tamén para o público por dous motivos: porque se ven xogadas incribles -unhas ensaiadas e outras meras chiripas- e tamén polos piques, sempre sans e en tono de humor, que saltan a cada pouco na cancha.

A competición desenvolverase con versións dos catro deportes adaptadas ao espazo e tamén á rapidez coa que debe resolverse o tetramaratón. No volei 5×5 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con cinco deportistas no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen ninguén na porteiría. Para o baloncesto de catro contra catro tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckey o tempo tamén correrá sen pausa durante 10 minutos e, por cada equipo, só poderá haber 4 xogadores ou xogadoras no campo.

Nos últimos días houbo cambios na planificación con respecto ao ano pasado, cando todos os deportes estiveron concentrados no pavillón e no ximnasio do CPI. Nesta ocasión volverán para fóra o fútbol sala e, se non chove, tamén o hóckey, deixando no pavillón a disputa dos partidos de volei e o baloncesto na pista cuberta do colexio.

No sorteo definíronse tres grupos, o A e o B con cinco equipos cada un e o C con catro. Os partidos ganados nos dous primeiros valerán 1,5 puntos e o empate 0,75. No grupo C as victorias valerán 2 puntos e os empates 1 punto. Os equipos deberán enfrontarse nun todos contra todos dentro de cada grupo e, unha vez se complete a fase de grupos, xogarán as semifinais os 4 equipos que sumen maior puntuación, independentemente do grupo ao que pertenzan.

Nesta competición priman a forma e a polivalencia. Dúas características que marcan a maneira en que se forman os equipos nos días previos á competencia. Todos eles adoitan ser eclépticos, con xente moi nova e algunha non tanto, con compoñentes de deporte diario e compoñentes máis sedentarios… O que si é común é o esforzo que se fai para buscar aliñacións nas que se xunten cracks en distintas disciplinas e, se se pode, que se defendan ben en todas. O resultado é que os encontros se van sucedendo moi igualados e cunha emoción que vai medrando a medida que se van acumulando puntuacións.

O tetramaratón tamén é moi competitivo, polo que case sempre hai algún pique propio da contenda que, porén, nunca sae da pista e, de facelo, é para tomar un refrixerio durante o terceiro tempo mentres se discute se foi ou non foi gol, se esta ou aqueloutra patada era necesaria e -tema común-  para arremeter contra o equipo arbitral, que nunca se salva da protesta a pesar de facer sempre un labor excepcional.

O X Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade coa colaboración loxística do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño, ademais da achega económica da Deputación da Coruña.

Grupo A

Grupo B

Grupo C

Los Veteranos Jas de lume Karim Team
¿Escucharon el relámpago? Un menisco para André Mesón O Forno
Avenida CF San Sadurniño Os Nécoras
Clicka S.D. Cricri Los Yayos
Panathimankos No la cambias Team
Share.