823 persoas tomarán a saída na carreira popular deste domingo

0

Esa é a cifra: 823 deportistas de todas as idades que este domingo tomarán literalmente o contorno do paseo fluvial de San Sadurniño para participar na terceira edición da Carreira popular Concello de San Sadurniño. A maioría -601- inscribíronse para a proba absoluta de 5 quilómetros, mentres que os restantes se reparten polas carreiras escolares que percorrerán só a zona do Arboredo de especies do país. Porén, os números non paran aí. E é que esta alta participación supón 120 persoas máis que o ano pasado e 300 máis que na primeira edición, celebrada en 2014. Ademais, hai 14 equipos apuntados dos que 8 son da casa e estímase que vai correr arredor do 90% do alumnado de secundaria do CPI, coorganizador do evento. En tan só dous anos a carreira xa se consolidou como unha das principais citas do calendario comarcal que nesta temporada primavera-verán ten programados varios eventos similares dentro do I Circuito Corre polo Norte.

A saída da primeira carreira darase ás 11.10 horas para a categoría Escolares A, tanto masculina como feminina -anos 2004, 2005 e 2006-, sobre unha distancia de 1.000 metros arredor do paseo fluvial. Vinte minutos despois sairá a rapazada inscrita en Escolares B e C -2002/2003 e 1999/2001- e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.

Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 13.00 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2007 e 2008- e para as 12.50h. a de pitufos, na que participarán nenas e nenos nacidos en 2007/2008. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 220 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 13.00h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2011 e 2012- que só terán que botar unha carreira de 70 metros.

Co gallo da carreira permanecerá cortado entre as 9.30 e as 12.45h. un carril da DP-7601, concretamente o que vai en sentido San Sadurniño-Ferreira. Co mesmo horario tamén se cortará a estrada da Bidueda-Campolabrado entre o cruzamento coa DP-7601 e o desvío que leva a Intasa situado un pouco máis adiante de Metalfra. Por último tamén se pechará a circulación de 9.00 a 13.30h. na pista que vai desde A Cortiña ata Cornide.

Este ano as persoas participantes na carreira poderán quedar xantar nunha carpa disposta no propio recinto pola Comisión de Festas de Santa Isabel 2016. A reserva pode facerse a través do correo asociacionculturaldz@gmail.com ou chamando ao teléfono 649 381 132.

Corre polo Norte
A III Carreira popular Concello de San Sadurniño está organizada polo propio Concello, o CPI e a Federación Galega de Atletismo, que se encargará da cronometraxe. A proba enmárcase no I Circuito Corre polo Norte, que, despois de San Sadurniño, levará o atletismo a  Moeche -sábado 4-, a Valdoviño -o 18 de xuño-, a Cerdido -9 de xullo-, a Ortigueira -13 de agosto- e, por último, a Mañón o 4 de setembro.

O circuito prevé premios en metálico para a ganadora e ganador absolutos da rolda de oito carreiras. Hai máis información na web www.prueba-t.es

 

Share.