“72 horas” preséntase este venres na Casa da Xuventude

0

Xa empeza a coñecerse como “a novela dos cans” porque trata precisamente diso, dos cans e cadelas abandonados. E faino a xeito de fábula moderna poñéndose no lugar do animal e dos seus pensamentos mentres vai descontando horas até o momento final do sacrificio. Unha carreira contra o reloxo da que só se pode fuxir mediante unha adopción que moitas veces nunca chega. Esa é a grandes trazos a liña argumental do libro “72 horas”, escrito por Juan Manuel Carmona, que se presentará o venres ás 20.00h. na Casa da Xuventude. Ademais de poder mercar o libro e falar co autor, quen asista á presentación tamén terá a oportunidade de contribuír coa causa do refuxio El hogar de Wilbur. 

Carmona chegou á novela por casualidade. Cando unha amizade lle pediu que coidase dun cadelo abandonado empezou a interesarse polo labor que fan os refuxios e protectoras de animais, un mundo co que nunca antes tivera contacto. Foi ao ver que todo o traballo é altruísta e case sen recursos económicos cando se brindou a colaborar nalgún tipo de acción que axudase a concienciar a sociedade sobre o abandono e o maltrato de cans e outras mascotas.

Juan Manuel Carmona conta con experiencia no teatro e na creación e por iso empezou a traballar na “idea tola” de escribir un libro que alguén lle propuxo. El tívoo claro, igual que tivo claro tamén que a maior parte dos beneficios que xerase a venda da obra debían ir ás entidades que todos os días rescatan e coidan animais. O acomodo para a iniciativa atopouno en “El poder de la lectura”, o proxecto editorial alternativo que el mesmo impulsara en 2014 coa filosofía de dignificar o traballo das escritoras e escritores.

“72 horas” é a primeira dunha serie de cinco obras que nos pon en primeira persoa no lugar de Aarón, un cachorro de pastor alemán abandonado nunha canceira que dispón de 72 horas para atopar unha nova familia ou ser sacrificado.

O libro ten un prezo de 12€ e o seu autor está percorrendo todo o Estado promocionándoo e, máis que nada, promocionando a concienciación co problema do abandono animal e colaborando coas entidades que traballan nese ámbito. De feito, a metade do que custa cada exemplar destínase a unha protectora da zona e, neste caso, será El Hogar de Wilbur. Esta entidade non ten refuxio de seu, pero si fai un importante labor de intermediación para que cans, gatos e calquera mascota abandonada poida atopar casa o antes posible.

A presentación de “72 horas” terá lugar na Casa da Xuventude este venres a partir das 20.00h.

 

Share.