63 pilotos participan na Bumpers Indoor Race desta fin de semana no pavillón municipal

0

San Sadurniño convértese por sexto ano consecutivo na capital das carreiras de coches a escala coa celebración da Bumpers Indoor Race. Trátase dunha competición na que se miden pequenos bólidos eléctricos radiocontrolados distribuídos en tres categorías: coches de tracción traseira escala 1/10, coches con tracción ás catro rodas tamén 1/10 e vehículos “short course”. As inscricións pecháronse hai dous días recollendo un total de 63 peticións, a maioría delas para as probas de dúas rodas motrices. O sábado dedicarase integramente a adestramentos e mangas clasificatorias, mentres que o domingo será cando se desenvolvan as carreiras propiamente ditas. Calquera dos dous días o espectáculo está asegurado e, ademais, non é necesario pagar entrada.

Todos os coches son modelos teledirixidos que funcionan con batería, polo que non emiten gases nin fan tanto ruído como os de gasolina. Iso si, ao ser eléctricos teñen maior capacidade de aceleración e poden superar facilmente os 100 quilómetros por hora, aínda que nun trazado coma o de San Sadurniño a velocidade punta nalgún tramo concreto seguramente rolde os 70 ou 80 Km/h.

Para mellorar o agarre e a tracción, a organización instalará un enmoquetado novo que virá substituír o empregado en edicións anteriores. Ademais, nesta edición tamén se quere garantir que ninguén saia con vantaxe o sábado e por iso ningún inscrito poderá probar o circuíto tan pronto se acabe de montar, previsiblemente na tarde-noite deste venres.

A proba comezará o sábado cos adestramentos libres entre as 10 da mañá e as 17.00h -aproximadamente- e, posteriormente, faranse as primeiras probas de clasificación. O domingo pola mañá resérvase para rematar coas mangas clasificatorias e ao mediodía cóntase ter configuradas xa as finais, que se disputarán ao longo da tarde co obxectivo de poder entregar os trofeos entre as 17 e as 18.00h.

Bumpers Indoor Race é xa un referente do mundo do radiocontrol competitivo en toda a Península e un auténtico espectáculo para o público. Entre os participantes hai representación galega, portuguesa, madrileña, andorrana, andaluza, de Castela A Mancha e de Asturias. Os equipos contan con boxes nos que poñer a punto toda a maquinaria, polo que non só poderemos ver as carreiras, senón tamén dos preparativos, a tensión e os imprevistos que rodean unha competición deste tipo.

Share.