62 postos reuniranse este domingo no Mercado local de outono

0

O Concello pechou este mércores o prazo de inscrición no mercado local que terá lugar o domingo nos xardíns municipais. Serán un total de 62 participantes que manteñen as proporcións de anteriores citas en canto a sectores de actividade. A comercialización alimentaria e de planta xunta 13 reservas, a artesanía outras 13 e o maior número de postos serán, de novo, de venda de artesanía, artesanía mesturada con artigos de segunda man ou esclusivamente de oportunidades. Este Mercado local de outono gozará, segundo as previsións, dun tempo soleado propicio para saír dar unha volta e atopar cerca da casa moita variedade e a bo prezo. 

A diferenza doutros anos e debido ao tempo seco que estamos tendo, o máis seguro é que haxa pouca oferta de cogumelos e, de habelos, todo apunta a que os prezos serán máis elevados do habitual. Os que seica se manteñen son os da castaña, que nos días previos ao 1 de novembro sempre vai cara. Na campaña de recollida que se acaba de pechar o pagamento en orixe situouse nun diferenzal de entre os 20 céntimos e os 2 euros por quilo dependendo dos calibres. Prezos que se duplican e case se triplican nestes días nos andeis dos supermercados, de aí que o domingo seguramente se poida mercar bo produto por unha cantidade máis ou menos razoable.

Outras estrelas do mercado han ser, tamén de seguro, as flores para Defuntos, as fabas, as noces, a froita e a horta fresca cultivada por pequenas explotacións da comarca que nunca  fallan á cita de San Sadurniño.

O mercado ofrece a oportunidade de encher o cesto da compra con produtos alimentarios frescos ou transformados -conservas, embutidos, queixos, pan e empanadas…- pero tamén de atopar unha chea de curiosidades feitas á man ou procedentes dos faiados. Roupa nova e de segunda man, broches, adornos para a casa, discos, xoguetes antigos -e vellos-, quincallada, raños, cestos, navallas, obxectos de madeira e ducias de cousas máis que enchen de cor o recinto dos xardíns municipais desde primeira hora da mañá e ata aproximadamente as 14.30h., momento no que todos os postos empezan a levantar.

Obras do Leader
O mercado coincide nun momento en que se están levando a cabo varias obras de mellora nos xardíns que, porén, non lle afectan nin aos sendeiros nin á zona ocupada polos postos. Os traballos -cifrados en algo máis de 57.000 euros- buscan converter a zona no principal referente ao aire libre do centro urbano de San Sadurniño, potenciando a súa función de espazo para o lecer e, ao mesmo tempo, recuperando a esencia que debeu ter no pasado.

Durante estes días fíxose unha limpeza xeral da zona e os operarios da empresa adxudicataria están xa traballando no proxecto financiado con fondos do LEADER co que se volverán poñer en funcionamento os estanques e fontes, xunto co adecentamento dos dous balcóns da Casa do Concello, a instalación de xogos infantís e tradicionais e a plantación de flores e especies arbustivas.

Malia que nun principio os labores deberían estar finalizados antes do remate deste mes, a AGADER acaba de ampliar o prazo de xustificación en case dúas semanas.

Documentación descargable
Listado de postos do mercado e horarios de montaxe

 

Share.