55 expositores participarán na Feira Rural do sábado

0

A área de Desenvolvemento local acaba de publicar o listado de postos admitidos para a duodécima edición da Feira Rural. Son un total de 55, repartidos entre as distintas actividades que se pretenden promocionar co evento. A cifra é sensiblemente máis reducida que a do 2019, último ano da cita antes da pandemia, cando o número de inscricións se achegou ás 90.  Quen acuda á feira verá algúns cambios motivados pola actual situación. O máis reseñable é unha carpa principal máis pequena que acollerá só os postos da AGFA do Eume e a Casa do Mel xunto coa exposición do concurso da froita. Tamén verá que, malia haber menos expositores, o espazo ocupado na Cortiña será similar ao de anteriores feiras, xa que os postos inscritos deberán estar máis separados entre si, de acordo co protocolo preventivo da COVID-19 que rexerá todo o evento.

Nel especifícanse, entre outras medidas, a obriga de utilizar mascarilla, evitar a formación de grupos e a recomendación de manter sempre a separación interpersoal entre non conviventes. Ademais, a zona para xantar e consumicións tamén terá que atender á normativa da hostalaría: sen posibilidade de consumir na barra e cun máximo de 10 persoas non conviventes nas mesas.

Tendo en conta todas as cuestións preventivas, a Feira Rural non será moi distinta na súa esencia ás once edicións anteriores. O público atopará un grande surtido de produtos relacionados co sector primario. En concreto haberá 15 postos agroalimentarios, 3 viveiros e unha exposición de pequena maquinaria. A maiores, polos sendeiros tamén se distribuirán 11 postos de artigos de artesanía, outros 7 que venderán tanto manufacturas como segunda man, 10 só para oportunidades -roupa, obxectos antigos, libros, etc.- e 8 que non se encadran en ningunha das actividades anteriores. O listado completo pode descargarse desde aquí.

Entre as actividades paralelas destaca a presenza na feira do Mago Antón, quen ofrecerá sete pases gratuítos ao longo do día do seu espectáculo “A volta a Galiza en 313 concellos”. As actuacións están previstas para as 11:00h, 12:15h, 13:30h, 16:00h, 17:15h, 18:30h e 20:00h. As reservas deben facerse tamén o propio sábado no lugar da actuación.

Durante a xornada animará a feira a AC Berros do Castro, tamén acudirán a asociación Os Picos do Sol coas súas cociñas e argalladas solares e asistirá a cooperativa galega Nosa Enerxía, comercializadora de enerxía verde da que o Concello é socio.

Share.