“Teño unha horta…” recibe a domicilio o seu accésit no concurso Son dixital

0

As mozas do proxecto “Teño unha horta en San Sadurniño” desenvolvido dentro da Aula CeMIT do Concello recibiron esta mañán de mans de representantes da Xunta e da coordinación do Cemit-Innova o accésit ao premio Son Dixital outorgado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O recoñecemento para “Teño unha horta…” vai dirixido ás súas protagonistas, Carmen Suárez -coordinadora da iniciativa-, Carmiña dos Pantís, Carmiña da Laxe, Cruz de Piñón, Lucita de Ernesto e Consuelo da Curuxa, en recoñecemento de como as persoas -especialmente as maiores- poden empregar a tecnoloxía de forma útil.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) convocou este ano o primeiro certame Son dixital para recoñecer as experiencias máis destacadas en innovación social dixital desenvolvidas desde as aulas CeMIT e a súa rede de entidades aliadas durante as tres últimas edicións do proxecto CeMIT-Innova, adscrito ao Plan de Inclusión Dixital Galicia 2020. Esta primeira edición tivo como obxectivo “recoñecer o traballo das persoas”, tal e como sinalou Fernando Gil, Xefe da Área de Sociedade Dixital da AMTEGA.

Outorgáronse un premio e dous accésits. O proxecto ganador foi o portal www.innovanaron.com, creado e xetionado pola asociación Nuestra Señora de Chamorro  e as persoas con discapacidade intelectual que participan diariamente nos seus obradoiros. Un accésit veu para San Sadurniño e o outro  levouno o equipo de voluntariado composto por Sonia Moure, Daniel Diéguez, José Manuel Campos e Rocío Fernández, quen levaron adiante o programa Mira TICarballedo en relación coa formación en novas tecnoloxías para o emprendemento no rural.

“Teño unha horta en San Sadurniño” acadou o premio por tratarse, segundo o fallo do xurado, dun “bo exemplo do empoderamento da muller da contorna rural”, destacando polo seu carácter innovador na forma de transmitir o traballo e a tradición a través de youtube. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia premiou os “relatos frescos, contados en primeira persoa dunha forma didáctica e divertida por estas cinco mulleres que amosan como a tecnoloxía pode transformar unha vida dedicada á labranza e coidado da terra e aos recursos naturais, dando visibilidade e importancia ao rol desempeñado polas mulleres labregas”. Fernando Gil recoñeceulles o mérito ás protagonistas: “é de xustiza darvos este premio. O voso proxecto é unha realidade. Foi importante para vós, para que fixérades ver o voso traballo e para que se vexa tamén San Sadurniño”.

A diferenza doutras ocasións en que foron elas quen tiveron que desprazarse para recoller premios -catro só neste ano-, desta vez foron a AMTEGA e responsables do programa Cemit-Innova quen se achegaron a San Sadurniño para entregarlles o diploma acreditativo do accésit. Un diploma que dentro duns días virá acompañado dun agasallo ben necesario para continuar co proxecto: un micrófono sen fíos que permita seguir gravando vídeos sen a atadura dun cable e incluso sen ter que preocuparse do vento.

Trala entrega dos diplomas houbo tempo para comentar o que supuxo e está supoñendo “Teño unha horta en San Sadurniño” tanto para as protagonistas como para o territorio. Cruz Piñón asegurou que a participación na iniciativa lle cambiou a vida: “foi un reto difícil, pero penso que me volvín máis nova, agora penso distinto”.

Pola súa banda, Consuelo Picos asegurou estar vivindo nestes momentos “o que non vivín de nova”, mentres que Lucía Pita cualificou a experiencia como “moi bonita”, principalmente porque lle permitiu “coñecer xente marabillosa e sitios nos que nunca estivera”. Carmen Bouza tamén tivo palabras de agradecemento para o proxecto e para a súa coordinadora, Carmen Suárez, lembrando que ela mesma tivo que vencer a vergoña inicial para integrarse nas hortas audiovisuais. “Fun reacia a empezar… pero despois aportoume moitas cousas”, dixo Bouza.  Carmen Couce -protagonista canda Bouza do hit da marihuana na horta- asegurou que a única clave do éxito do proxecto é “facer as cousas con naturalidade”, engadindo que o que se ve en youtube é o que hai, sen artificios. “A nós non nos fai falla ler polo papel”, dixo.

Carmen Suárez, impulsora do proxecto, mostrouse “orgullosa e feliz” pola implicación destas cinco mulleres nunha idea que lles permite utilizar día a día as novas tecnoloxías, pero que tamén lles rouba tempo da súa vida. “Teñen a súa casa, os animais, as familias… para min son heroínas ao cento por cento”, asegurou a responsable da Aula CeMIT de San Sadurniño. A este respecto, o edil de Participación e Desenvolvemento local, Manolo Varela, destacou o feito de que “todas son mulleres, semella que a partir de certa idade as mulleres son máis activas e participan máis nas actividades que os homes, que son máis reacios”. Por iso Varela convidou ás cinco integrantes de “Teño unha horta…” a que se convirtan elas mesmas en dinamizadoras dixitais atraendo máis xente cara ao proxecto.

O alcalde, Secundino García, agradeceu o labor de Consuelo, Cruz, Lucita e as Carmes, ratificando a “aposta decidida” do Concello por continuar apoiando o traballo que leva adiante Carmen Suárez a través da Aula CeMIT, co que se lle brinda á veciñanza “a oportunidade de acceder ás novas tecnoloxías”. Secundino García aproveitou a presenza de representantes da Xunta para reclamar máis medios, como por exemplo “un acceso adecuado a internet nas zonas rurais que axude a reducir a fenda dixital”.

“Teño unha horta en San Sadurniño” botou a andar hai tres anos no seo do programa CeMIT-Innova apoiado pola AMTEGA e a FUNDETEC, pero pouco a pouco foi adquirindo vida propia, colgando cada vez máis vídeos sobre cultivos tradicionais e experiencias con novos produtos. Andan xa polo medio cento videotutoriais, teñen case un milleiro de persoas suscritas á súa canle e achéganse ás 290.000 reproducións, entre as que cómpre destacar a do vídeo viral de hai uns meses sobre a aparición na horta dunha planta ventureira de cánabo, confundida polas protagonistas cun pé de marihuana.

Ademais do accésit no concurso Son dixital, a iniciativa tamén colleitou galardóns no Carballo Interplay, no concurso Youtubeir@s e no outorgado a nivel estatal pola fundación DomusVi, como exemplo de programa innovador no ámbito do envellecemento activo. Ademais, tal e como comentaba Carmiña dos Pantís -Carmen Couce- “agora somos famosas”, habida conta de que xa teñen asistido a programas como, Cos pés na terra, Luar ou o Land Rober Tunai Show. Dentro de pouco volverán saír na TVG e “Teño unha horta…” tamén será presentada como referente de boas prácticas no espazo “Coruña Dixital” promovido polo Concello herculino.

 

 

 

Share.