Aprobados inicialmente os orzamentos de 2018, que superarán os 2.8 millóns de euros

0

Pouco máis de 40 minutos de debate foron suficientes para liquidar a sesión extraordinaria do pleno convocada para este sábado co obxectivo de someter a votación os orzamentos municipais do ano que vén, ademais de tratar outros dous puntos relativos a cuestións económicas e de facer un novo chamamento sen éxito á concelleira electa do PP Cristina Calvo para que tomase posesión do seu cargo. Os orzamentos capitalizaron boa parte do pleno e, finalmente, saíron adiante cos votos favorables do grupo de goberno, a abstención do PSOE e o rexeitamento do PP. Así, de cara a 2018 -e tras superar o período de exposición pública- San Sadurniño prevé manexar un total de 2.810.000 euros, unha cifra que se incrementa un 2,74% no apartado dos ingresos e un 4,27% no dos gastos e nos investimentos con respecto ao 2017.

Antes de chegar a este último punto, a corporación tamén lle deu o visto e prace por unanimidade á conta xeral de 2016, da que se desprenden uns remanentes de tesouraría de 852.000 euros e un resultado orzamentario axustado de 439.000, susceptible de ser incorporado ao orzamento de 2017 para a execución de novos investimentos.

Isto último foi, precisamente, o que se votou no punto terceiro do pleno, no que saiu adiante cos votos a favor de BNG e PSOE e en contra do PP  incorporar unha parte desa contía de 2016 ás contas de 2017 para levar adiante un proxecto de mellora da rede viaria e traballos de mantemento en dous locais veciñais propiedade do Concello. A modificación orzamentaria -denominada técnicamente modificación de crédito, anque nada teña que ver cun préstamo- suporá un incremento das contas deste ano en 230.000 euros destinados integramente a novos investimentos.

O PP cualificou como “unha mala xestión” a existencia deses remanentes e, malia recoñecer a necesidade das obras, sinalou que o informe emitido pola Deputación apuntaría a un posible incumprimento da regra de gasto á que están sometidas todas as administracións públicas. O PP pediu tamén que se agardase á reincorporación do secretario municipal para que emita o seu propio informe.

Pola súa banda, o BNG precisou que no informe elaborado polos servizos económicos provinciais en ausencia do secretario municipal “é favorable” e que o dato dunha posible vulneración da estabilidade presupostaria e da regra de gasto sería “un incumprimento puntual” que se apunta como unha observación sen repercusións prácticas. A este respecto Suso Soto comentou que “terlle medo á normativa da regra de gasto suporía non investir un só euro no Concello”.”As contas están totalmente saneadas e non dispoñer dos remanentes habendo necesidades de investimento parécenos politicamente irresponsable”. Soto asegurou, iso si, que o Concello será “cauto” á hora de dispoñer dos fondos e que por iso só se empregará a metade dos 439.000 euros. O portavoz do goberno rexeitou agardar por un novo informe do secretario municipal xa que, segundo dixo, suporía “perder un tempo precioso”, ao tempo que lembrou que a documentación achegada polo Interventor adxunto da Deputación “é suficiente para validar a legalidade do expediente”.

Trala aprobación da modificación do orzamento, o pleno entrou de cheo no debate das contas do ano que vén, que ascenderán a 2.810.000 euros.  Na descrición das contas, o BNG apunta a  “un maior peso dos ingresos impropios que dos propios, nunha proporción de 65 a 35, que aínda podería ser maior se no Estado español houbese unha financiación local máis xusta e equitativa en función do custe real de prestación dos servizos”. Neste sentido, Suso Soto asegurou que San Sadurniño está por debaixo da media doutros municipios do Estado e que, de cumprirse o mesmo criterio de reparto, recibiría “200.000 euros adicionais”.

Soto explicou que as contas “manteñen conxeladas taxas e impostos, incluso a dos servizos máis deficitarios desde un punto de vista económico”, algo que se compensa coa “contención dos gastos”, que se manteñen en niveis semellantes ao ano pasado. Só se incrementa nun 8% o gasto corrente “como consecuencia da imposición da Xunta á que nos vemos sometidos para cofinanciar o mantemento do Centro de Día”, así como pola previsión do incremento dos custes da electricidade nun 10%.

Dentro do gasto corrente, o edil de Facenda e portavoz do BNG puxo o acento “nos máis de 500.000 euros consignados para servizos sociais e benestar e o incremento das partidas para cultura e deportes”. O concelleiro tamén valorou positivamente que as partidas do capítulo 6ª -os investimentos- se manteñan “en case un 25% do total do orzamento”, con investimentos en todas as parroquias -moitos deles saídos do orzamento participativo- e destacando  como un dos proxectos estrela do ano que entra a reurbanización de toda a Avenida Marqués de Figueroa, cuantificada polo executivo local en máis de 300.000 euros.

O PSOE só interviu para preguntar pola posible incidencia nos orzamentos da reclamación dos liquidadores da Cooperativa de San Sadurniño con respecto, principalmente, aos terreos ocupados polo Centro de Día. “Por aí fálase de 500.000 euros”, comentou Yolanda Vázquez. Secundino García aclarou que o Concello, “en defensa do interese xeral”, xa pagou “un prezo xusto” polos terreos -uns 85.000 euros-, en base a unha valoración obxectiva dos mesmos, e tranquilizou á edila socialista sinalando que desde o goberno local se entende que, no caso de ter que facer fronte a unha indemnización maior, non sería pola cantidade que piden no xulgado os liquidadores.

O PP interviu para rexeitar as contas cualificándoas como “as mesmas ano tras ano” e criticando que o gasto corrente eo de persoal “sumen o 73%” do total do orzamento por causa, segundo, Manuel Romero, “dunha mala organización”. O portavoz popular xustificou que o Concello teña que pagar polo mantemento do Centro de Día e criticou o “incremento do gasto corrente improdutivo”, suxerindo ademais que se rebaixen en partidas dedicadas a publicidade e a traballos doutras empresas, ademais de pedir que se dediquen fondos a reducir as listas de agarda do SAF, “ou baixar os impostos, ou o IBI…”

Suso Soto cualificou as argumentacións do pp como “bananeiras” e acusou ao grupo popular de “terxiversar a información”. O edil nacionalista indicou que se o persoal ocupa o 42% do orzamento “é porque apostamos polos servizos públicos prestados directamente con soldos axeitados e contratos dignos, non privatizados”. A este respecto, Soto pediulle ao PP propostas concretas e lembroulle que o Concello recorre a empresas externas porque “non ten capacidade” para prestar certos servizos, como é o caso do mantemento eléctrico, o das zonas verdes ou pagar a factura da luz.  O portavoz do Bloque explicou que o incremento no gasto corrente se debe en boa medida ao cofinanciamento do Centro de Día -uns 50.000 euros- motivado por unha lei “que a Xunta de Galicia sacou da manga”.

Sobre esta cuestión, Secundino García puntualizou que San Sadurniño é, en proporción á súa poboación, “o municipio de Galicia cun maior índice de ocupación do Centro de Día”, debido a que os Servizos Sociais “fan ben o seu traballo” recoñecéndolles aos veciños e veciñas do municipio o dereito a disfrutar deste servizo. “Ningún veciño ou veciña de San Sadurniño que o necesite quedará sen praza se o persoal técnico considera que é un servizo axeitado para eles”, dixo García, quen engadiu que “os gastos que estamos asumindo o lóxico é que os asuma a Xunta e hai que loitar porque aos concellos lles acheguen os recursos para os servizos que teñen que prestar por lei. O que non pode ser é ter os concellos asfixiados sendo os que menos cartos recibimos por habitante de todo o Estado. Ese é o problema de fondo, non que o persoal municipal supoña o 40% do orzamento”.

A intervención do rexedor púxolle o punto e final á sesión cando pasaban escasos dez minutos das 12 da mañá. O orzamento saiu adiante cos votos do BNG, a abstención do PSOE e os votos contrarios do PP. Agora estará en exposición pública durante un mes e, se non hai alegacións, entrará en vigor practicamente co novo ano.

Audio do pleno

Share.