46 postos participarán na Feira da plantación deste domingo

0

O Concello de San Sadurniño pechou o venres pasado o prazo de solicitude de espazos para a XXVI Feira da plantación que se celebra o domingo ao pé do paseo fluvial do Xubia. En total recibíronse 46 peticións, dúas máis que o ano pasado, que na súa maioría proveñen de viveiristas (13) e expositores agroalimentarios (14), aínda que o evento tamén contará con 13 postos de artesanía, un de maquinaria e outros cinco correspondentes a entidades sen fins de lucro e outro tipo de actividades. Aqueles suxeitos ao pagamento da taxa deberán facela efectiva -de acordo cos metros solicitados- ao longo desta semana e presentar o resgardo do pagamento no momento en que accedan ao recinto. De cara ao domingo, que cae en véspera de festivo, agárdase tempo soleado e unha alta afluencia de público para pasar a xornada na leira da Cortiña facendo compras e gozando dun amplo programa de actividades paralelas.

San Sadurniño converterase entre as 10 e as 20:00h no grande escaparate comarcal da planta e da flor de temporada, pero tamén no lugar de referencia para mercar árbores froiteiras e pés para horta -pemento, leituga, tomateiras, etc.-, ademais de queixos, chacinas e todo tipo de produto alimentario de proximidade.  Canda esta oferta principal tamén haberá artesanía relacionada co mundo vexetal, ferramentas e maquinaria para o mantemento de xardíns ou para o laboreo da terra.

A Feira da plantación está concibida desde os seus inicios aló polos anos 90 como unha cita comercial que poña en valor a calidade, a variedade e o potencial do sector primario, nomeadamente o da produción de planta ornamental, pero tamén como unha xornada de lecer que desde o ano pasado ten lugar na contorna da Cortiña, ao pé do Xubia.

Atendendo ao seu obxectivo lúdico e cultural, a feira tamén virá cargada de actividades paralelas: un obradoiro de decoración con planta e flor seca, outro de xabóns artesanais, as actuacións dos Mozos da Ronda e das pandereteiras da agrupación coruñesa Donaire e de dúas demostracións de arte floral con Tania Couce (Floristería La Feira), cuxas obras se sortearán ás 14:00 e ás 19:30h entre as papeletas que se entregarán con cada compra. Os sorteos destes lotes serán presenciais ata que apareza un boleto ganador. Ademais, só por ir á feira levaremos de agasallo unha bolsiña con planta ornamental doada por Vivergal, empresa situada en Santa Mariña do Monte que tradicionalmente vén colaborando coa feira de maneira altruísta.

A feira espallarase pola beira dos sendeiros do arboreto galego de especies autóctonas e polas inmediacións da Fraga Máxica, o novo espazo de lecer orientado a familias con rapazada que nos últimos meses se converteu nun dos grandes atractivos turísticos de San Sadurniño. E é que entre compras,  obradoiros, música e paseos pola zona case se encherá o día. Por este motivo tamén haberá carpa para xantar a prezos populares, aínda que desde o Concello tamén se recomenda gozar da boa mesa nalgún dos restaurantes locais (aconséllase reservar).

Consonte as bases, os 46 expositores e expositoras participantes deberán confirmar a inscrición de aquí ao venres pagando a cota correspondente aos metros solicitados. O pagamento efectuarase mediante ingreso ou transferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “XXVI Feira da plantación” e o nome da persoa que presentou a solicitude Tamén se pode facer con tarxeta na Casa do Concello ou na Casa da Cultura. En calquera caso, para acceder ao recinto da feira será obrigatorio presentar o resgardo bancario.

Desde a área de Desenvolvemento Local prégaselles aos postos que se axusten coa máxima puntualidade aos horarios de montaxe asignados, lembrando que despois das 10:15h non se permitirá a entrada de ningún posto. O departamento tamén recorda que despois de armar o expositor deberán retirarse os vehículos e que os puntos de venda deben estar abertos como mínimo ata as 19:30h. Estes e outros aspectos organizativos veñen recollidos nas bases de participación publicadas xunto coa solicitude.

Listado de postos admitidos

 

Share.