45 nenos e nenas participan nos cursos de natación da piscina municipal

0

Encaramos xa o ecuador dun verán que se está portando máis ou menos ben en canto ao tempo. Malia que as mañás desta semana amencen ventosas e cubertas, as tardes adoitan abrir para darnos raiolas na praia, ao pé do río ou na piscina. Neste último lugar estase rexistrando unha afluencia de público maior que en temporadas anteriores. Así o indican a venda de entradas e abonos e tamén o elevado número de inscricións para participar nos cursos de natación que se ofrecen polas mañás. Un total de 45 nenos e nenas asisten os luns, mércores e venres ás clases de prenatación, iniciación e perfeccionamento. Este será o último ano en que tanto eles e elas como o resto de persoas usuarias da piscina verán o recinto tal e como está agora, xa que ao remate da temporada o Concello acometerá unha importante reforma do seu contorno.

O procedemento de contratación das obras na área de Currás xa está en marcha e cifrouse nun prezo de licitación de algo máis de 135.000 euros. Cartos provenientes de fondos xestionados pola Deputación da Coruña a través do Plan de Acción Social 2016. O obxectivo do Concello é converter os espazos anexos á piscina nun lugar de lecer que poida empregarse durante todo o ano. Tal e como indica a arquitecta municipal no proxecto, o que se busca é “ordenar os accesos e ampliar os lugares de lecer, incorporando novo mobiliario exterior e mellorando as edificacións existentes dos vestiarios e das gradas para dotar ao conxunto do espazo dunha imaxe atraente e renovada”.

Para iso está previsto acometer un total de 25 actuacións na zona que non lle afectarán ao vaso. Entre elas destacan a eliminación de parte dos peches perimetrais, o reacondicionamento das edificacións, a redistribución de espazos arborados, a dotación con novo mobiliario e elementos decorativos e, sobre todo, a ampliación da área de lecer a unha leira anexa á piscina que agora se emprega como aparcadoiro. Outra novidade é o aproveitamento de parte do recinto como pista deportiva e a preparación da banda leste do campo de fútbol como lugar de estacionamento.

Pero iso será despois do verán, cando remate a temporada da piscina. Unha temporada que está sendo das mellores en canto a uso público das instalacións debido, seguramente, á bonanza climática. Segundo informa SEDEGA -a empresa responsable do mantemento do vaso, dos cursos e do socorrismo- este ano estase rexistrando unha afluencia masiva polas tardes e tamén un cambio importante na tendencia en canto á adquisición das entradas, posto que moitas persoas usuarias acoden con abonos, xa sexan individuais ou familiares. Cómpre lembrar que o ano pasado se modificou a ordenanza reguladora dos prezos da piscina cunha ampliación de modalidades e con contías máis vantaxosas para as persoas empadroadas no municipio.

Conceptos Prezos 
Entrada individual diaria de persoas adultas 3,16 €
Entrada individual diaria de persoas menores de 14 anos 1,59 €
Abono de tempada para persoas adultas empadroadas (maiores de 18 anos) 28,00 €
Abono de tempada para persoas adultas non empadroadas (maiores de 18 anos) 36,00 €
Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales o 50% ou máis estean empadroados no Concello) 50,00 €
Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales menos dos 50% estean empadroados no Concello) 60,00 €
Abono de tempada familiar, por cada persoa a partir da 5.ª (independente do empadroamento) 5,00 €
Abono mensual para cursos de natación para nenos e nenas empadroadas (ata 14 anos) 12,00 €
Abono mensual para cursos de natación para nenas e nenos non empadroados (ata 14 anos) 15,00 €
Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos empadroadas no Concello 20,00 €
Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos non empadroadas no Concello 25,00 €

 

Outro dos atractivos da piscina son os cursos de natación nos que habitualmente se apuntan nenos e nenas. Este ano hai 45 inscricións con pouca variación entre os meses de xullo e agosto. As sesións desenvólvense os luns, mércores e venres concibidas como algo a medio camiño entre o xogo e a aprendizaxe. Foi necesario facer catro grupos, repartidos entre prenatación, iniciación -2 grupos de distintas idades- e perfeccionamento.

No primeiro, pensado para os nenos e nenas máis pequenas, trabállase a adaptación á auga; no segundo a rapazada empeza a ser autónoma dentro da piscina e, xa en perfeccionamento, a cativería que sabe nadar mellora a súa técnica respiratoria e aprende distintos estilos.

A temporada da piscina municipal pechará o 11 de setembro. Durante o que resta de xullo e todo o mes de agosto as instalacións estarán abertas para baños libres desde as 15 até as 21 horas pola semana e de 12 a 21h. durante as fins de semana e días festivos. Ademais, a cafetería abre desde as 10 ata que pecha o vaso.

Share.