A piscina de San Sadurniño, camiño de batir as súas marcas a pesar do tempo revolto

0

As previsións meteorolóxicas aseguran que imos volver ter uns días de sol e calor. Boa nova para un verán que semella non dar arrancado dunha vez. Ventos de nordés, nubes incómodas que se poñen no sitio xusto e momentos que piden non sacar a camiseta están sendo a tónica xeral das mañás e das tardes ao aire libre. Con todo, a xente -especialmente a rapazada- ten gana de praia e piscina. En San Sadurniño iso nótase na venda de abonos para o vaso dos Currás, dos que xa se benefician 228 persoas, e tamén nas inscricións para as actividades matutinas na auga, nas que participan 42 nenas e nenos. Ademais, tal e como comenta o responsable do socorrismo, Alberto Castro,  a afluencia de público para os baños libres “está sendo unha loucura” a pesar do tempo tan raro.

O Concello recolleu solicitudes abondas para poñer en marcha catro grupos de natación infantil: dous de perfeccionamento e dous de iniciación que usan a piscina en quendas entre as 11 e as 13.30h os luns, mércores e venres. Trátase de sesións onde a cativería aprende ao tempo que xoga na auga seguindo os consellos da monitora. En iniciación trabállase o básico: flotar e saber respirar para logo empezar a dárlle ás pernas e aos brazos de forma coordinada. No caso do perfeccionamento xa se van vendo os distintos estilos de natación, primeiro os máis doados -crol e braza- e quen leve a aprendizaxe máis avanzada incluso pode empezar coa bolboreta.

Aos cursos asisten un total de 42 nenas e nenos, practicamente a mesma cifra que o ano pasado. As que si se están movendo máis do habitual son as entradas para os baños libres da tarde e, sobre todo, durante as fins de semana. Alberto Castro comenta que “xa van varios días en que tivemos que cortar a venda de entradas”, como ocorreu este sábado e este domingo, por terse cuberto o límite de acceso ao vaso, onde só pode haber ao mesmo tempo 157 persoas. O número vén marcado pola normativa de acordo co tamaño da piscina, co obxectivo de garantir a seguridade e tamén un certo espazo -mínimo de 2 m²/persoa- para gozar do baño.

O responsable do socorrismo e das actividades acuáticas asegura que esta temporada a afluencia á piscina “está sendo espectacular” e explica que ás persoas usuarias “non lles importa o tempo que faga”. “Ademais -engade- parece que noutros sitios vai frío e, mentres, aquí en Currás estaste torrando. Esta fin de semana houbo festas, houbo rally, pero á xente deulle igual”.

Sobre a febre que está habendo pola piscina de San Sadurniño, Alberto Castro volve comentar como unha das claves o propio entorno, habilitado con zonas de sombra e merendeiros. “Esta fin de semana houbo quen veu pouco despois das oito da mañá para gardar sitio nas mesas e botar aquí todo o día. Nós levamos a xestión da piscina noutros concellos da zona, pero o de San Sadurniño este ano está sendo unha loucura”.

Os prezos para os baños libres mantéñense case igual que o ano pasado -só subiron o IPC- e tamén houbo un bo número de persoas que se decantaron pola merca de abonos para que lles saia máis a conta. Ata este momento mercáronse na Casa da Cultura 54 abonos, 8 individuais e 46 familiares, que lle supoñen un importante desconto -e unha comodidade- a 228 persoas. Cómpre lembrar, ademais, que os abonos poden solicitarse en calquera momento do verán e que, aínda que xa vai case medio estío fóra, seguen sendo a mellor opción para aforrar cartos. Velaí o cadro dos prezos en vigor:

Concepto

Importe (€)

Entrada individual diaria de persoas adultas

3,33 €

Entrada individual diaria de persoas menores de 14 anos

1,68 €

Abono de tempada para persoas adultas empadroadas (maiores de 18 anos)

29,52 €

Abono de tempada para persoas adultas non empadroadas (maiores de 18 anos)

37,96 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales o 50% ou máis estean empadroados no Concello)

52,72 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales menos dos 50% estean empadroados no Concello)

63,27 €

Abono de tempada familiar, por cada persoa a partires da 5.ª (independente do empadroamento)

5,27 €

Folla de solicitude de abonos de temporada

 

Share.