419 persoas tomarán a saída na VII Carreira Popular Concello de San Sadurniño

0

Volven as carreiras populares e volven con moita forza, polo menos a de San Sadurniño que se celebra este domingo 5 de xuño a partir das 11 da mañá. Así o testemuñan as 419 inscricións recibidas até o luns a través da web Emesports. A maioría delas -231- son para a carreira absoluta de 5 quilómetros que englobará desde Sub 16 até M 50 estreando un percorrido novo e, se cadra, tamén algo máis dificultoso dentro da facilidade xeral que caracteriza esta popular apta para todos os niveis. As 188 nenas e nenos que se apuntaron nas categorías desde Peques ata Sub 14 terán circuitos propios e adaptados a cada idade sen saír do arboreto da Cortiña. En calquera caso, a organización do evento obrigará a dispor dunha loxística importante e a manter cortadas ou restrinxidas ao tráfico varias pistas da zona.

En canto ao dispositivo de tráfico, a única pista que permanecerá cortada durante toda a mañá -de 8:30 a 14:00h.- é a da Cortiña (Bidueiro en Google Maps), que conecta a estrada de Ortigueira con Cornide pasando polo punto de saída e chegada da proba.

O tránsito no resto de estradas só se interromperá o xusto e necesario para que pasen as corredoras e corredores participantes na proba absoluta. Así, entre as 11:00 e as 12:00h cortarase un dos carrís da estrada provincial que vai a Ferreira, concretamente desde o aparcamento do Mesón A Granxa até o desvío que leva a Intasa, desde onde xa se correrá só por pistas municipais.

Das 11:00 ás 12:15h tamén permanecerá cortada a pista da Bidueda desde o cruce das naves de Pena ata o desvío para Cornide. Isto deben telo moi presente quen teñan previsto ir a San Sadurniño desde O Chao, Campolabrado ou A Fontela, xa que ou ben terán que dar volta ou, se non, deberán agardar a que conclúa a proba.

Por último, o corte puntual do tráfico tamén alcanzará ao tramo da pista principal de Cornide que vén da Bidueda e que se desvía logo de novo cara á ponte da Cortiña. Nese caso interromperase o paso de vehículos entre as 11:15 e as 12:30h.

Esta secuencia horaria é un calco do trazado que terá este ano a Carreira Popular Concello de San Sadurniño. Son 5 quilómetros de distancia con saída desde A Cortiña percorrendo en primeiro lugar o paseo fluvial para logo conectar coa estrada de Ferreira. Uns metros máis adiante collerase o desvío de Intasa e bordearase a planta de produción de taboleiro ata enlazar co camiño da Bidueda preto das naves de Metalfra.

Desde alí encararase Cornide nunha costa arriba non demasiado pronunciada pero suficientemente longa como para descolgar a quen non leve ben calculada a dosificación do esforzo.  Como compensación virá despois un acusado descenso ata A Cortiña. Porén, en vez de cruzar a ponte, as corredoras e corredores terán que desviarse pola pasarela de madeira do paseo fluvial e remontar o río até a ponte da Granxa, onde cruzarán o Xuvia e desfarán o camiño con destino, desta vez si, á meta do arboreto de especies autóctonas.

Ese será o percorrido que farán, con saída ás 11:30h, as categorías  Sub 16, Sub 18, Senior, Máster M40 e Máster M50, que xuntan 231 inscricións, case todas nas tres últimas.

As categorías de Peques (89 participantes, saída ás 13:00h), Sub 10 (47, saída ás 12:45h), Sub 12 (41, saída ás 12:30h) e Sub 14 (11 participantes, con saída ás 11:00h), que concentran as sempre espectaculares carreiras das nenas e nenos máis pequenos, desenvolveranse sobre distancias comprendidas entre os 65 e os 900 metros sen saír do arboreto. Dado o alto número de inscricións -sobre todo en Peques-, o Concello seguramente faga pequenos axustes horarios que lle permitan  dar varias saídas en grupos máis reducidos para evitar tropezos e caídas.

Os horarios e todos os detalles das probas poden consultarse no regulamento xeral da carreira, onde se indica tamén a dispoñibilidade de duchas no pavillón municipal e dun servizo de fisioterapia ao remate da carreira ofrecido pola Clínica Fisio-che Ben. Ademais desta empresa local tamén colaboran co evento a Panadería Inxerto, a Panadería O Forno, o Mesón A Granxa, a Parrillada Riboira e a Parrillada María Queira.

Share.