41 nenas e nenos comezan o venres a Aldea de Verán

0

Hoxe mesmo elevouse a definitivo o listado de admisións na quenda de xullo do programa Aldea de Verán, que se desenvolverá durante os próximos dous meses como proposta de lecer e aprendizaxe para a rapazada de entre 3 e 12 anos, ademais de ser un servizo de conciliación. Finalmente hai 41 solicitudes admitidas, na súa maioría de San Sadurniño, aínda que tamén procedentes doutros municipios. As familias están chamadas a unha xuntanza informativa este mércores 29 de xuño ás 19:00h no patio interior da Casa do Concello para falar tanto a dinámica diaria do programa como dos contidos sobre os que se vai traballar na presente edición. Por outra banda, desde a área de Igualdade recordan que o prazo de solicitude da Aldea para a quenda de agosto permanecerá aberto entre o 1 e o 12 de xullo.

Do total de peticións, 26 son para nenas e nenos empadroadas en San Sadurniño, 6 pertencen a familias con vinculación laboral no territorio, 7 son de cativería doutros concellos pero matriculada no  CPI e as 3 restantes son para crianzas que non teñen ningunha relación co municipio.  A asignación das prazas da Aldea de Verán fíxose seguindo os criterios de preferencia establecidos nas bases, nas que se lles dá prioridade -nesta orde- ás familias empadroadas no concello, ás que teñan vencellos laborais no territorio, ás nenas e nenos que non sexan de San Sadurniño pero que veñan aquí á escola e, por último, a calquera outra petición recibida, atendendo unicamente á orde de entrada no rexistro municipal.

Aínda que nun principio só se ofertaban 35 prazas, finalmente o Concello e máis a empresa que levará o proxecto este ano -Sonaga Gestión S.L.-  acordaron ampliar o servizo cunha persoa máis de monitoraxe, de maneira que se puideron admitir 41 das 43 peticións recibidas (unha das solicitudes non cumpría os requisitos e outra renunciou á praza hai uns días).

A resolución asinada hoxe contén as admisións para a quenda de xullo. As familias empadroadas en San Sadurniño xa pagaron a matrícula, mentres que as de fóra deberán satisfacer a taxa segundo corresponda (horario de entrada elixido, se hai desconto por segundo irmán/irmá ou posteriores…) ingresando ou transferindo o importe á conta do Concello en ABANCA: ES74-2080-0208-01-3110000059. Desde a área de Igualdade insístese en que no concepto se faga constar o nome e o apelido da nena ou neno e tamén cal é a mensualidade que se está abonando.

Outra cuestión na que insiste o departamento municipal de Igualdade é na da data de inicio: a quenda de xullo da Aldea de Verán comeza o venres 1 de xullo e, malia estarmos ás portas da fin de semana, é necesario mandar as nenas e nenos xa ese día, segundo o horario de entrada elixido, para que vaian coñecéndose e integrándose no grupo.  Os máis madrugadores e madrugadoras  entrarán ás 8:30h e o resto iniciarán a mañá entre as 9:30 e as 10:00 h, rematando en ambos casos ás 14:30 h. As actividades desenvolveranse no ximnasio do CPI, salvo aquelas que se fagan no marco de visitas a outros espazos.

De como se vai desenvolver o programa falarase na xuntanza informativa convocada para este mércores 29 de xuño a partir das 19:00h no patio interior da Casa do Concello.

Listado definitivo de solicitudes admitidas e excluídas

As solicitudes para agosto, do 1 ao 12 de xullo
O prazo de solicitude para o mes de agosto estará aberto entre o 1 e o 12 de xullo. Os criterios de admisión son os mesmos que para a quenda que comeza este venres, volvendo darlle preferencia  no acceso ás familias empadroadas en San Sadurniño e, dentro delas, aquelas que sexan monoparentais ou que teñan os dous proxenitores traballando ou formándose para o emprego. Logo daráselles acceso a aquelas que só teñan un dos proxenitores traballando ou facendo formación para o emprego e, en terceiro lugar en orde de prioridade, as que non cumpran ningunha das anteriores pero que estean empadroadas.

Se quedasen vacantes daríaselles entrada cos mesmos criterios a familias de fóra de San Sadurniño pero con vinculación laboral co municipio, ás de fóra do concello pero con nenas ou nenos matriculados no CPI e, en último lugar -só se quedasen prazas- a calquera outra petición seguindo unicamente a súa orde de entrada no rexistro municipal.

O horario global das actividades é de 8:30 a 14:30h.de luns a venres dividido en dous turnos: un de 8:30 a 14:30h. e outro de 9:30 – 10:00h. a 14.30 horas. Hai 35 prazas dispoñibles, aínda que para o primeiro turno, o máis madrugador, só se ofertan 10. Dentro dos criterios de asignación de prazas tamén se lles dará preferencia aos madrugadores e ás solicitudes para todo o mes (pode solicitarse só unha quincena).

Ao programa poderán asistir nenos e nenas desde os 3 ata 12 anos, pero non se admitirán solicitudes de menores que non estivesen xa escolarizados no curso 2021-2022. É dicir, poderán asistir pequenos de 3 anos que cursasen este ano o primeiro curso do 2º Ciclo de Educación Infantil, pero non os que aínda vaian empezalo en setembro.

Outra cuestión que se debe ter moi presente é que, preferentemente, as solicitudes e o resto de documentación ha de presentarse a través da Sede Electrónica.  Tamén se poden rexistrar presencialmente no Concello. No caso de que unha mesma persoa vaia presentar as solicitudes de unha ou máis familias deberá achegar obrigatoriamente as follas de representación asinadas polas persoas interesadas, xunto coa copia dos seus DNIs.

Horario de 8.30 a 14.30h.

Horario de 10.00 a 14.30h.

1º Membro da unidade familiar

110€

80€

2º Membro da unidade familiar

75€

50€

3º Membro da unidade familiar

45€

30€

Documentación que se debe achegar (en verde a descargable en pdf que deberá achegarse coa solicitude):

O anuncio dos prezos públicos pode consultarse nesta ligazón e a información  completa do programa pode descargarse desde estoutra.

Share.