40 persoas achegan as súas propostas á Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia

0

San Sadurniño acolleu este martes o encontro participativo e de presentación comarcal da Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia. O evento encadrouse no programa de recollida de ideas impulsado pola Xunta de Galicia para deseñar un documento que recolla, principalmente, recomendacións sobre como poñer en valor os recursos ambientais do territorio, como relacionalos entre si e como integralos nas políticas de planificación sustentable do chan, ademais de servir como guía de referencia sobre novas posibilidades socioeconómicas vencelladas ao patrimonio natural. O encontro dividiuse en dúas partes, unha de mañá para persoal político e técnico das administracións locais de Ferrol, Eume e Ortegal, e outra de tarde aberta ao público en xeral e a entidades radicadas no norte da provincia da Coruña. A estas dúas xuntanzas asistiron un total de 40 persoas, que tiveron a oportunidade de participaren nunha enquisa en tempo real sobre as súas expectativas ao respecto da Infraestrutura Verde, así como presentar ao instante propostas de actuación que debería recoller o documento final.

No deseño deste documento -que deberá estar listo para finais de ano- a Xunta implicou ás universidades da Coruña e de Santiago. Arestora hai cinco equipos multidisciplinares traballando nas liñas mestras da Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia, que atende a distintos factores dos denominados “servizos ecosistémicos” ou, dito doutro xeito, as capacidades que ten unha zona determinada para cubrir as necesidades das persoas que viven nela. E dentro deses servizos atopamos tres clasificacións: o abastecemento de alimentos para gando e persoas, a produción de recursos enerxéticos e de auga; a regulación da biodiversidade, a fixación de carbono, a prevención de incendios ou da erosión; e, por último, os servizos culturais, relacionados coa conservación do patrimonio cultural, o aproveitamento cinexético e piscícola, o uso recreativo e incluso o mantemento estético da paisaxe.

Porén, como planeta non temos máis que un, temos que buscar maneiras de vivir nel sen acabar con el e sen renunciar ao progreso. Por iso se fai necesario poñer en marcha novas fórmulas de aproveitamento que sexan capaces de manter o equilibrio, fórmulas que empezan polo básico: a identificación e posta en valor das chamadas infraestruturas verdes. Entre elas atopamos todo o catálogo de zonas protexidas, ecosistemas e zonas de alto valor ecolóxico -humidais, costas, bosques…- cursos de auga, redutos de montes autóctonos, espazos verdes urbanos, hábitats recuperados -canteiras, vertedoiros, minas…- e incluso elementos artificiais que compensen ou minoren o impacto das chamadas “infraestruturas grises” -as infraestruturas civís-, como por exemplo autoestradas, autovías, aeroportos, etc.

Elementos que na maior parte dos casos están identificados e, ademais, contan con regulacións específicas -planeamentos municipais, distintos graos de protección consonte normativa autonómica ou estatal- pero que, noutros, son “servizos verdes” non caracterizados de acordo co potencial que teñen de cara ao futuro.

A Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia pretende telo todo recollido, saber todo o que hai e a maneira en que todo se relaciona, co obxectivo de mirar o territorio galego como unha globalidade de recursos naturais -ou artificiais- que garanten a sustentabilidade do país en termos ambientais e de desenvolvemento socioeconómico. E co coñecemento da realidade, planificar con xeito; entendendo esa planificación non como un compendio de normas restritivas, senón como un relatorio de medidas conducentes a potenciar  a riqueza verde como base do crecemento, incluso como unha oportunidade para novas fórmulas económicas e laborais.

Neste sentido, as reunións de presentación e participación no deseño da Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia abordan oito temas principais: o perfil sociodemográfico de cada zona, as características da súa biodiversidade, os servizos e beneficios dos ecosistemas, as infraestruturas civís, os usos do solo, a mobilidade, as oportunidades económicas e o modelo territorial ao que cadaquén cre que se debería tender.

A consultora que se encarga da dinamización social preguntoulle onte ao público asistente aos dous encontros celebrados por estes oito aspectos. Fíxoo por medio dunha enquisa dixital en tempo real que as persoas participantes foron cubrindo desde o seu propio móbil a medida que se ía debullando e contextualizando cada tema. Algúns dos datos máis destacados entre todas as respostas recollidas foron, por exemplo, que un 91% da asistencia se mostrou moi interesada na ecoloxía e o medio ambiente e que case un 80% considera que na nosa comarca os hábitats e ecosistemas están en mal estado ou gozan dunha saúde mellorable. Falando de Galicia, esa porcentaxe sobe ao 91%.  Os datos da enquisa reflicten que son os bosques -un 50% das respostas- e os agrosistemas tradicionais -23%- os que presentan os maiores problemas de conservación.

No referido aos servizos que prestan os ecosistemas, os resultados apuntan que o máis importantes son, por esta orde, os alimentos obtidos da agricultura e a gandeiría, a auga para consumo e a obtención de enerxía a partir do vento, a auga, a madeira ou outras fontes. Os mecanismos de regulación e equilibrio que se consideran máis importantes son  a contribución das plantas e do solo na mitigación do cambio climático -27%- a existencia de hábitats para animais e especies vexetais -25%- e  a contribución das plantas á mellora da calidade do aire, valorada por un 13% das persoas enquisadas. A influencia do cambio climático na nosa zona incide, segundo os datos recopilados, en problemas para a produción agrogandeira, no incremento de especies invasoras, na perda de biodiversidade e, a partes iguais, nas dificultades para abastecerse de auga e no aumento dos incendios forestais.

En canto ás “infraestruturas grises”, os datos apuntan a que, as estradas e autovías son as que máis impacto producen nos ecosistemas -41%-, xunto cos portos e infraestruturas enerxéticas, que suman outro 44% das respostas. As medidas que se propoñen para reducir eses efectos pasarían, segundo a enquisa, por facer estudos ambientais máis exhaustivos cando as infraestruturas afecten a espazos naturais e, ademais, evitar ou reducir os trazados sobre zonas de especial protección ambiental, aínda a costa de que iso supoña ter que dar máis volta e, polo tanto, gastar máis combustible. Un pouco máis adiante, os resultados do cuestionario indican que un 68% das persoas enquisadas pensa que non deben construírse novas infraestruturas civís en entornos naturais protexidos.

Un dos temas que xerou máis interese e debate foi o dos usos do chan. O 43% das persoas participantes no encontro están pouco satisfeitas cos espazos verdes que hai nas zonas onde viven. Nun 37% pensan que os municipios  -o evento programouse para os 21 concellos do Eume, Ferrol e Ortegal- deberían ter unha mellor conectividade peonil e ciclista e que deberían existir máis espazos para actos colectivos ao aire libre. A enquisa tamén revela que para case un 40% das persoas que participaron nela o impacto máis importante sobre a natureza e a paisaxe son as plantacións forestais con especies alóctonas, seguido da degradación producida polo abandono dos espazos verdes. Unha situación que ten practicamente o seu calco no impacto global sobre o medio rural, identificando como principal problema a redución da biodiversidade por causa dos monocultivos extensivos.

En base a toda esta diagnose, o proceso participativo tamén dá as claves de cara ao futuro. As persoas enquisadas aseguran que a agricultura e a gandeiría orgánica ou ecolóxica son as actividades produtivas máis interesantes para traballar no medio rural -32%-, seguidas da transformación alimentaria -19%- e o turismo rural, co 16%. No caso de emprender algunha iniciativa laboral tanto nestas como noutras actividades, un 55% das persoas asegura que botaría man de asesoramento experto para saber como mellorar a súa interacción co ecosistema.

Entre as ideas que xurdiron no encontro e que terían acomodo no medio rural estarían a produción de enerxías renovables, as actividades lúdicas, o cultivo de plantas medicinais endémicas, a recollida de restos agrícolas e forestais, a transformación de produtos agrogandeiros,  a agrogandeiría rexenerativa, o aproveitamento forestal en base a especies autóctonas, a apicultura, a fructicultura… e un longo etcétera de propostas baixo o denominador común do uso sustentable dos recursos.

Todas estas achegas serán procesadas e incorporadas ao documento da Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia no que está traballando a Xunta en colaboración coas universidades de Santiago e A Coruña. Porén, asistir aos encontros comarcais non é a única maneira de participar no proceso, que se complementará con xuntanzas sectoriais (con entidades públicas e privadas do ámbito ambiental, agrogandeiro, enerxético, forestal, patrimonio-cultural, pesca, turismo…) tamén en toda Galicia. Así, quen desexe contribuír á estratexia pode entrar na Web da Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia, onde mesmo poderá identificar sobre o mapa aqueles recursos “verdes” e “grises” que considere importantes para o desenvolvemento futuro -e sustentable- de Galicia.

 

Share.