4 familias benefícianse do programa de canguraxe no domicilio impulsado pola Concellaría de Igualdade

0

Desde principios deste mes de xullo está en marcha o servizo gratuíto de atención na casa dirixido a familias con crianzas matriculadas na EIM A Rolada durante o curso 2019/20. É un servizo socioeducativo posto a disposición de aqueles casos en que o pai e a nai estean traballando -ou formándose- e que non teñan outra maneira de conciliar. O Concello ofertou unha bolsa de ata 80 horas por familia -sobre un total de 400- dando a posibilidade de axeitalas en canto a horarios e días durante os meses de xullo e agosto. Finalmente houbo catro solicitudes que, de precisar máis tempo de coidado especializado para os seus nenos e nenas, poden contratar horas a maiores directamente coa empresa, integrada polas mestras que xestionan a escola infantil.

A Escola Infantil Municipal A Rolada permanece pechada desde o pasado 13 de marzo, xusto antes de que se decretase o Estado de Alarma e xusto no día en que a Xunta de Galicia recomendou clausurar centros de ensino, centros de atención á infancia e centros de día. Porén, unha vez superadas todas as fases da desescalada, as escolas infantís deben continuar pechadas por razóns preventivas e, de feito, a Consellaría de Política Social aínda non achegou os protocolos que se deberán seguir para que poidan retomar a súa actividade.

Así as cousas son moitas as familias que deben buscar a vida para mirar dos seus nenos e nenas mentres os pais traballan, á espera de que a situación se normalice. O recurso habitual son as avoas e os avós ou outros parentes cercanos. Pero aínda así hai quen non ten a ninguén no seu entorno para conciliar e, coa que está caendo, pedir redución de xornada ou unha excedencia non é unha opción.

É precisamente a eses casos aos que se dirixe o servizo de canguraxe no domicilio que xa ten en marcha a área de Igualdade para os meses de xullo e agosto, dirixido a familias con nenas e nenos matriculados na Escola Infantil Municipal A Rolada durante o presente curso 2019/2020. Trátase dun servizo totalmente gratuíto cun montante global de 400 horas -máximo 80 por familia- que cada caso poderá repartir de maneira flexible dependendo das súas necesidades, aínda que sempre entre as 8.00 e as 16.00h.

Da parte educativa e de atención encargarase o equipo docente da Rolada -Bolboreta S.C.- quen presta na casa un servizo profesional e especializado ofrecido por mestras tituladas en Educación Infantil.  Coidan as crianzas, danlles o almorzo e o petisco de media mañá, múdanas e,fundamental, xogan con elas e propóñenlles actividades de aprendizaxe e estimulación adaptadas a cada idade, sempre cun programa personalizado que priorice o benestar e a coeducación da nena ou neno.

O programa de canguraxe está financiado cos fondos do POS Social da Deputación da Coruña, proporcionado aos concellos para sufragar gastos, investimentos e servizos relacionados coa COVID-19.

Share.