39 inscricións para o mercado local deste domingo

0

O Concello pechou o mércores o prazo de solicitude de participación no último mercado local deste ano, que se celebrará o domingo nos xardíns municipais. En total recibíronse 39 peticións, que supoñen unha importante rebaixa con respecto a anteriores citas. E é que en Narón e Moeche tamén hai eventos semellantes o mesmo día e quizais sexa ese o motivo de que o mercado de San Sadurniño vaia ser algo máis recollido que noutras ocasións. Como queira que sexa, na cita volveremos ter oportunidade de atopar produtos alimentarios, artesanía e artigos de segunda man a bo prezo e con oferta variada. Ademais, a iso das 12.45h. os coros de Lamas e San Sadurniño repasarán o seu repertorio de panxoliñas no patio interior do Concello con entrada de balde.

Quen pase polos xardíns do pazo na mañá do domingo continuará tendo moito onde escoller, xa que haberá un posto de planta, 13 de produción alimentaria, 14 de artesanía e 11 de artesanía e oportunidades de segunda man.

O mercado arrancará pouco despois das 9 da mañá e erguerase a iso das tres da tarde e, desta vez, estará máis concentrado na parte superior do recinto, preto da Casa do Concello. A elección da data responde ao interese do departamento de Desenvolvemento local de organizar a última feira do ano no domingo inmediatamente anterior ao Nadal e a Noiteboa para que non cadre en plenas festas.  Unha circunstancia que, alomenos nesta ocasión, fai que coincida cunha cita semellante organizada polo Concello de Moeche e outra que se desenvolverá en Narón ao longo da semana.

En calquera caso, o domingo é día de mercado local en San Sadurniño e meteogalicia anuncia que teremos bo tempo. Frío, iso si, pero soleado. Deste xeito a mañá preséntase como unha boa ocasión para facer compras ou dar unha volta polo contorno seguindo algunha das rutas deseñadas polo Concello. De feito, o mapa de recursos turísticos do concello , ofrece dous itinerarios xusto ao carón do mercado: un de 2.2 quilómetros centrado no patrimonio con saída e chegada na Casa do Concello e outro de 3 quilómetros, tamén circular, que pasa polo paseo fluvial, a horta de froiteiras, o arboreto e os xardíns municipais.

Ademais, sobre as 12.45h. comezará na columnata da casa consistorial un concerto ofrecido conxuntamente polos coros de Lamas e San Sadurniño. Repasarán algunhas das panxoliñas máis coñecidas e outras pezas do repertorio tradicional galego. A entrada é gratuíta.

Listado de postos admitidos para o mercado local de Nadal

Share.