32 creadoras e creadores únense ao V Chanfaina Lab que arranca o venres

0

Este venres, día 31 agosto, arranca a quinta edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab. O proxecto naceu en 2014 como foro creativo onde se producen pezas de todo tipo -ficción, documental, experimental, etc.- aínda que sempre baixo o común denominador de estar filmadas en San Sadurniño. Na cita 2018-2019 participarán 32 realizadores e realizadoras. Como é habitual, entre os nomes atoparemos figuras destacadas ou cunha longa traxectoria fílmica que compartirán escenarios con valores emerxentes e persoas sen experiencia previa pero coas mesmas ganas de contar e experimentar coa imaxe.  As normas son iguais para todas e todos: liberdade total en canto a formatos e temas, a recomendación de que o produto final non exceda os 5 minutos e, o máis importante, que o protagonista sexa o territorio municipal e as historias que atesoura agardando  ser contadas desde calquera punto de vista. Porén, ademais da parte creativa, o Chanfaina Lab volve ofertar obradoiros abertos ao público e proxeccións tanto o venres como o sábado, cando poderemos ver de balde na Casa da Cultura o filme “Dhogs”, de Andrés Goteira, comentado polo propio director. 

Goteira é un deses grandes valores do audiovisual galego que participa na presente edición do encontro coa encomenda de producir unha peza breve sobre calquera aspecto de San Sadurniño. “Dhogs” foi a súa primeira longametraxe e unha das grandes sorpresas para público, crítica e festivais en 2017.  O director meirao compartirá unha fin de semana en San Sadurniño con outras 27 amantes do cine e da creación audiovisual.

Os outros nomes confirmados para esta edición son os de Margarita Ledo, Aser ÁlvarezAbel Vega, as youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño -Carmen Bouza, Carmen Couce, Cruz Piñón, Consuelo Picos e Lucía Pita-, Adrián Canoura, Ángela Arnosa, Javier Seoane, Kevin Lorenzo, Bieito Beceiro, Catalina Rodríguez, Cibrán Tenreiro, Helena Girón, Fran Bermúdez, Iago Lourido, Irene Beceiro, Lucía Estevez, Mar Catarina, o triunvirato The Sun Girls -Mónica Cibreiro, Graciela Galdo e Olga López-, Natalia Fernández, Pablo Martínez, Rubén Domínguez, Samuel M. Delgado, Sebastián Rodríguez, Simone Saibene e, planeando sobre todos eles, o fotógrafo Gabriel Tizón, quen volverá roubar intres de todas as filmacións do sábado e do domingo.

Xente de dentro e de fóra de San Sadurniño que será recibida na Aula CeMIT o venres pola tarde -18.00h.- para recibiren unha pequena introdución ao municipio de cara a que vaian facendo unha composición de lugar do que será o escenario das súas curtametraxes. Diso encargarase o profesor Manolo González -un dos ideólogos do Chanfaina- quen explicará por riba como se vai desenvolver o encontro, ademais de facer de guía nunha rápida visita polo centro urbano de San Sadurniño e o paseo do Xubia.

Está previsto plantar unha árbore na zona da Cortiña e facer a foto oficial no mesmo entorno, que antano formaba parte da extensa Fraga da Marquesa. De feito, o cartel oficial deste ano inspírase no cadro “O patriarca da fraga”, pintado polo artista ferrolán José Leyra Domínguez en 1949. O óleo reflicte o grande carballo que existía nos dominios do pazo, que anos antes xa formara parte doutra obra executada polo retratista do Senado, Asterio Mañanós. De ambos -e tamén do carballo- hai abondosos datos en www.falamedesansadurnino.org.

Parte dos realizadores e realizadoras chegan a San Sadurniño sen saber o que van atopar nin que historias contar, de aí que xa se lles facilite con tempo de adianto suficiente a referencia a este proxecto web colaborativo, onde hai un milleiro de contidos entre documentación histórica, descricións da paisaxe e arquivos visuais e sonoros que poden servirlles de inspiración ou para apuntalar unha produción que ha de desenvolverse no tempo récord de tan só dous días.

Neste sentido tamén hai apoio veciñal en cuestións loxísticas como a mantenza ou a axuda coas localizacións nun ámbito que abrangue case 100 Km². Para este Chanfaina Lab o Concello conta coa axuda das asociacións de Santa Mariña do Monte, de Igrexafeita, de Lamas, de Bardaos e de Ferreira, ademais da da Aula CeMIT. Por outra banda, o encontro tamén conta con finanzamento da Deputación da Coruña e da AGADIC.

Obradoiros e proxeccións
Malia que os creadores e creadoras se reunirán á tardiña do venres, a actividade no Chanfaina Lab comezará xa pola mañá cun obradoiro titulado “Introdución ao son, a gravación e a interpretación do espazo sonoro local”. Impartirao o experto Carlos Suárez na Aula CeMIT entre as 10 e as 14.00h. e das 16 ás 18.00h.  Este obradoiro iniciarase cunha charla e exercicios de escoita activa, que introducirán ás persoas participantes no mundo do son e da audición. Despois, mostrarase o uso de gravadoras e micrófonos para realizar rexistros sonoros de campo nos arredores da aula. Como remate farase unha posta en común dos sons gravados seguida dun coloquio sobre a conexión do material recollido coa identidade sonora local.

Despois do obradoiro e da recepción de participantes, a Casa da Cultura acollerá a partir das 20.30h. a Eira de Cineastas, que é unha proxección aberta ao público e gratuíta dunha escolma de pezas de todos os creadores e creadoras quen, antes de nada, se presentarán ao auditorio e resumirán tanto a súa traxectoria audiovisual como as ideas que teñen en mente para os seguintes dous días de gravación. Na Eira abriraa o pase dunha peza realizada pola rapazada e as profesoras da EIM A Rolada, que tamén fixeron a súa propia chanfaina audiovisual a comezos do verán con motivo do fin de curso.

Ao día seguinte, o sábado 1 de setembro, o apartado formativo  centrarase no coñecemento da luz e como unha iluminación creativa pode non precisar grandes gastos en equipamento. Será por medio dun obradoiro impartido polo director de fotografía Alberte Branco. Baixo o título “Iluminación de andar pola casa” abordaranse criterios básicos de iluminación e solucións para iluminar en exteriores e interiores naturais para gravacións audiovisuais. Branco dará as claves para manexar a luz exterior -a máis complicada de tratar en calquera produción- e, entre elas, as pautas para observar o seu comportamento e elixir localizacións e ángulos de cámara axeitados para obter os mellores resultados en canto a luz, cor e dramatismo. A sesión desenvolverase de 10 a 13.00h. e de 16 a 19.00h.

Tanto o taller do venres coma este do sábado son gratuítos. Ofrécense 15 prazas en cada un deles e para participar ou informarse máis en detalle sobre o seu contido abonda con chamar aos teléfonos 616 332 919 e 616 016 793. Tamén se pode formalizar a inscrición pasando pola Aula CeMIT -no primeiro andar da Casa da Cultura- ou mandando un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal.

“Dhogs” na Casa da Cultura con entrada de balde
O serán do sábado -20.30h.- a pantalla da Casa da Cultura volverá despregarse para ver bo cine e un exemplo máis de por onde van os tiros no audiovisual independente galego. A esa hora proxectarase “Dhogs”, o filme máis premiado na historia dos Mestre Mateo e unha das grandes sorpresas no festival de cinema fantástico de Sitges do ano pasado. Andrés Goteira presentará a película protagonizada, entre outras figuras, por Melania Cruz, Antonio Durán “Morris”, Miguel de Lira e Carlos Blanco. A entrada é gratuíta e o filme ten unha cualificación para maiores de 18 anos.

Ao seu remate o director manterá un pequeno coloquio co público asistente para falar tanto do tema principal do filme como o seu longo e azaroso proceso de xestación, que en si mesmo daría para outra película, como adoita dicirse.

O domingo non hai programadas actividades para o público, aínda que as realizadoras e realizadores continuarán polo territorio gravando as súas curtas. Poderemos velas na segunda parte do Chanfaina Lab, aló polo mes de febreiro, cando se estreen todas elas na Casa da Cultura. A partir de aí empezará o seu percorrido semanal a través da canle en youtube do encontro e tamén a conta atrás para unha nova edición deste encontro que xa ten un lugar de seu no circuito cinematográfico galego e do resto do Estado.

PROGRAMA COMPLETO

Venres 31 de agosto

10.00 a 14.00h. e 16.00 a 18.00h. Obradoiro: “Introdución ao son, a gravación e a interpretación do espazo sonoro local” Impartido por Carlos Suárez na Aula CeMIT.
Este obradoiro iníciase cunha charla e exercicios de escoita activa, que introducirán ás persoas participantes no mundo do son e a audición. Despois, aprenderemos a utilizar gravadoras e micrófonos para realizar gravacións de campo na contorna próxima. Finalmente, unha posta en común, onde escoitaremos as gravacións realizadas e conversaremos sobre a conexión dos sons gravados coa identidade sonora local.

Inscricións (gratuítas): 616 332 919 e 616 016 793

18.00h. Recepción de cineastas participantes na Casa da Cultura

19.00h. Foto oficial

19.30h. – 19.45h. Plantación dunha árgore na Cortiña

20.30h. Eira de Cineastas: Presentación e proxección de pezas dos creadores e creadoras participantes. Casa da Cultura

Sábado 1 de setembro

10.00 a 13.00h. e 16.00 a 19.00h. – Obradoiro: “Iluminación de andar pola casa”, na Aula CeMIT, ofrecido por Alberte Branco. Neste obradoiro abordaremos criterios básicos de iluminación e solucións para iluminar en exteriores e interiores naturais para gravacións audiovisuais. A iluminación máis complicada é ter o control sobre un exterior día. A clave dunha boa iluminación é ante todo, a observación: bos ángulos de cámara e elixir boas localizacións en términos de luz, sombras e cor.

Inscricións (gratuítas): 616 332 919 e 616 016 793

20.30h. Proxección de “Dhogs” na Casa da Cultura
O filme máis premiado na historia dos Mestre Mateo e unha das grandes sorpresas no festival de cinema fantástico de Sitges proxectarase de balde en San Sadurniño. Estará con nós o seu director, Andrés Goteira, quen presentará a película protagonizada, entre outras figuras, por Melania Cruz, Antonio Durán “Morris”, Miguel de Lira e Carlos Blanco. A entrada é gratuíta e o filme ten unha cualificación para maiores de 18 anos.

Domingo 2 de setembro

Igual que o sábado, este día dedicarase por enteiro ás gravacións polo territorio que farán os distintos equipos participantes no encontro.

Share.