O Aldebarán-Intasa, a un paso de meterse na loita polo ascenso á Superliga

0

O Aldebarán-Intasa de volei encara a recta final da fase de grupos da SM2. E faino como líder indiscutible do Grupo A sacándolle 5 puntos de vantaxe ao seu inmediato perseguidor, o Universidad de Valladolid. A falta de tres encontros, os de Blanco queren garantir o antes posible a súa praza na disputa do ascenso á máxima categoría do volei estatal. Este sábado reciben no pavillón municipal -19.30h.- ao Náutico Boiro Voleibol, un dos equipos máis potentes do grupo. Os outros dous encontros que lle quedarían pendentes serían o que xogarán tamén na casa contra o Emevé de Lugo o sábado 18 e o do 25 de febreiro a domicilio contra o Dumbría.

Así as cousas o Intasa está a un casenada de rematar a fase de grupos e todos os partidos vai xogalos contra rivais ben coñecidos e sen ter que saír de Galicia. Factores ambos que poden ir a favor das aspiracións locais de pechar unha temporada case inmaculada e cunha boa presada de victorias esmagadoras.

O seguinte reto será alcanzar o obxectivo marcado pola dirección do club para esta temporada: o ascenso. Porén, antes de chegar aí hai que garantir praza na liguiña a dobre volta que xogarán os dous primeiros equipos do Grupo A e os dous do que encabezan o Grupo B.

Para meterse nesa loita ao Aldebarán-Intasa abondaralle con sumar dous puntos nos tres partidos que lle faltan por disputar. De ganar o sábado por 3-0 tería asegurado o posto e incluso podería ratificar definitivamente o liderado do Grupo A. Porén, todo son conxecturas e, aínda perdendo os tres partidos con tal de que dous deles sexan pola mínima -2/3, 2/3 e 3/0, por exemplo- tería asegurada praza na disputa do ascenso.

Un ascenso no que, case con total seguridade, podería bater co Sant Pere i Sant Pau, que encabeza o Grupo B. De darse esa circunstancia o Sansa tería unha oportunidade de ouro para arrincar a espiña da Copa Príncipe que os cataláns lle arrebataron hai tan só uns días.

As contas están claras e os ánimos ao máximo malia o pequeno bache da Copa Príncipe. Que o Aldebarán está a tope viuse a fin de semana pasada en Badaxoz cunha victoria por 0-3 contra o Hotel Río Carnaval. Para o enfrontamento deste sábado no pavillón municipal desde o equipo pídese a máxima afluencia de público, sabedores como son de que o apoio da afección é sempre un punto a favor.

Cea baile
Tamén este sábado o club irá de festa xunto coa UDC Narahío, xa que ambas entidades organizan unha cea baile no restaurante La Concha coa orquestra París de Noia. Ofrecen un menú con langostinos ou vieiras ao forno de primeiro e, de segundo, carrilleira ao viño tinto ou dourada á espalda. Inclúese o pan, o café, a sobremesa e un chupiño.

O prezo son 28€ por persoa -6€ a entrada só para a orquestra, a partir das 12- e os tiques poden reservarse nos teléfonos 981 363 469, 647 750 423 e 663 720 416.

Share.