27 poetas participan este sábado no III Recital de Poesía en Feminino

0

Este sábado a partir das 17.00h. temos unha cita en San Sadurniño coa poesía amadora de vangarda, dentro do III Recital de Poesía en Feminino ao que asistirán 27 creadoras e creadores do municipio pero, sobre todo,  doutras partes de Galicia. Será un encontro co que reivindicar tanto a literatura e a oralidade do sentimento como o rol feminino na arte das letras e en calquera outra faceta da vida que, ademais, contará coa ambientación musical das violonchelistas locais Inés e Irene Arroyo. O departamento municipal de Igualdade leva tres anos organizando o seu encontro poético co que darlle voz a poetas que avogan polo verso reivindicativo, polo berro sentido contra os desequilibrios da sociedade e, nomeadamente, contra o patriarcado que o segue tinguindo todo, tamén a creación literaria. A entrada é gratuíta e, ante a alta probabilidade de que chova, o evento celebrarase finalmente na Casa da Cultura.

Á cita acudirán representantes de varias agrupacións que teiman na poesía amadora como xeito de expresión, malia ser este o xénero literario con menor visibilidade ou, dito doutro xeito, cunha maior dificultade para chegar ao grande público. Virá xente de Fene, Ferrol, A Coruña, Pontevedra, As Pontes e toda a zona da Terra Chá. Na súa maioría trátase de poetas que comparten intereses temáticos e creativos en colectivos como a Nova Poesía Guitirica, Moraima -nacido en Fene a raíz dun curso de escritura da AELG-,  In nave civitas/Urbano Lugrís ou Nomades do verso/Antón Borrazás.

Son Mariola Hermida, Loreto de Castro, Teresa Ramiro, Alberte Momán, Luís Mazás, Antom Laia, Miguel Queipo, Moncho Bouzas,  Clara Blanco, Emilia Martínez Fuentes, Pilar Maseda, Branka Villar, María Xosé Lamas, Luz Airado, Raquel Díaz Seijas, José Carlos Ulloa, Sonia Mauriz, Ramiro Vidal Alvarinho, Ánxela Gracián, Maribel Serantes, Esther Val e Asun Blanco, quen compartirán declamacións coas poetas locais Alba Rivera, Ángela Arnosa, Consuelo Picos e Nerea Calvo, xunto co modestino Alfonso Venancio.

A sesión terá tamén parte musical, da que se encargarán as irmás Inés e Irene Arroyo Orro, veciñas de Igrexafeita e excepcionais violonchelistas que lle sacarán o máximo partido ás partituras e á acústica do patio interior do Concello.

O III Recital de Poesía en Feminino presentarao Ana Belén Breixo, titular da área de Igualdade, e Antón Tenreiro, coñecido no mundo poético como Antón de Guizán.

 

pactoestado

Share.