27 cadros mostran un resume da obra pictórica de Manuel Amor

0

Óleos sobre lenzo e táboa e ceras sobre papel enchen estes días as paredes da galería da Casa do Concello achegándonos olladas a múltiples recunchos da comarca e doutros lugares do Estado. Son, precisamente, os “Recunchos e momentos” do pintor Manuel Amor, nos que o autor expresa a súa predilección polo paisaxismo e cunha predominancia das escenas protagonizadas pola auga, xa sexa dos ríos ou do mar. A exposición, composta por 27 cadros, pode visitarse até o 14 de marzo polas mañás en horario de 8.30 a 14.30h.

Manuel Amor Gabeiras iniciou a súa andaina como artista tomando clases de debuxo e pintura da man de Paco García e Jesús Balado nas modalidades de grafitos, carboncillos, ceras e óleos. A súa formación complementaríase posteriormente en Francia, onde perfeccionou a súa técnica con clases de proxección e prespectiva nos estudios Lavigne-Cheron de Paris.

Leva unha década participando en exposións colectivas por toda a comarca, entre elas varias celebradas no Museo do Humor de Fene, no Casino Ferrolano, na Casa da Xuventude de Ares, en Ortigueira, Valdoviño, etc.

É membro activo da Sociedad Artística Ferrolana e do Liceo das Artes Europeas e a San Sadurniño trouxo unha escolma de obras representativas do seu estilo. Nelas emprega principalmente o óleo sobre táboa e sobre lenzo, aínda que tamén hai imaxes trazadas con cera sobre papel.

A constante é a paisaxe e, salvo en tres obras, Amor plasma recunchos próximos doados de identificar. Os muíños da ponte de Xubia, o encoro das Forcadas ou a costa de Valdoviño son só algúns deses lugares que protagonizan a mostra. A auga do mar o a dos ríos capitaliza boa parte dos cadros cunha traza sinxela, cores rechamantes e perspectivas próximas ao naïf.

A exposición permanecerá na galería do primeiro andar da Casa do Concello ata o 14 de marzo. O horario de visita é de 8.30 a 14.30h. de luns a venres.

Share.