25 de Novembro. Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller

0

A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo simple feito de o seren, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella, un 26% violencia psicolóxica de control —celos, control de horarios e actividades etc.— e un 20% violencia psicolóxica emocional —insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc—. Dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación de Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 en España.

Banner-Sadurniño-en-negro

Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, no 2015, o Concello de Santiago puxo en marcha a campaña de sensibilización Compostela, en Negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma.

A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

Partindo desta boa práctica, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social desta campaña, no 2016, dezaseis concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña de sensibilización “En negro, contra as violencias” á que este ano se une San Sadurniño. 72 municipios  e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra comparten en 2017  esta iniciativa coa que se quere tinguir de negro toda Galicia para rexeitar as violencias machistas que sufrimos a diario as mulleres.

Animámoste a que participes  nesta iniciativa pendurando da túa fiestra ou colocando no teu negocio a bandeira da campaña. Podes recollela na Casa do Concello ou descargala da web www.ennegrocontraaviolencia.gal, onde atoparás outros recursos gráficos para compartir esta mensaxe a través das redes sociais. Os hashtags para chíos e comentarios tanto no Facebook como no Instagram son #GaliciaEnNegro, #ContraAsViolencias, #EnNegroContraAsViolencias.

Ademais de integrarnos na campaña, en San Sadurniño tamén temos preparada unha programación específica coa que mostrar o compromiso de todo o territorio coa igualdade e coa eliminación da violencia.

Sábado 25
VI Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero (Casa da Xuventude)
10.30h. Obradoiro de sensibilización e videofórum
12.15h. Obradoiro de autoprotección – inscricións no 981 490 027 ext.1 (Inclúe servizo de conciliación para rapazada con 10 prazas dispoñibles)
14.00h. Xantar de convivencia entre as mulleres participantes no obradoiro

Acto central co gallo do 25-N (Casa da Cultura)
16.30h. Actuación musical de GUADI GALEGO en colaboración co alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria do CPI
16.45h. Mesa de debate “VIOLENCIAS E DESIGUALDADES”
-Mar López Somoza – Mestra de Primaria no CPI de San Sadurniño
-Margarida Corral Sánchez – Técnica de Igualdade e Secretaria da Muller da CIG
-Cristina Paz Galindo – Traballadora social do Concello de San Sadurniño
-Noelia Rodríguez Álvarez – Moderadora, Educadora Social
18.00h. Proxección de “MATRIA” de Álvaro Gago, gañadora do premio á mellor curtametraxe na SEMINCI

Domingo 26
18.00h. Apertura da exposición “DO GRIS AO VIOLETA” coa xornalista Montse Fajardo, responsable do proxecto “A memoria das mulleres” no Concello de Pontevedra. Ata o 4 de decembro no recibidor da Casa da Cultura
18.30h. Teatro: “LOLA”, de Avelaíña Teatro. Entrada gratuíta

<<< voltar á portada

 

 

Share.