A eliminación da violencia contra da muller empeza na educación

0

San Sadurniño concentrou os actos co gallo do 25-N na xornada deste sábado 26 de novembro. A actividade arrancou pola mañá co obradoiro de autoprotección contra a violencia de xénero ao que asistiron dunha decena de mulleres e que, a diferenza doutros anos en que si se fixeron exercicios de defensa, neste caso estivo máis centrado na detección de situacións de risco e na denuncia decidida como paso fundamental para cortar de raíz o problema. Porén, a programación impulsada polo departamento de Igualdade prolongouse até o serán con outros dous eventos: unha palestra sobre violencia de xénero e adolescencia e a entrega dos premios do terceiro Certame galego das artes pola igualdade de xénero. Este ano o certame estivo dedicado ao audiovisual e contou coa presenza de Xisela Franco, realizadora homenaxeada nesta edición pola súa contribución á visibilización da muller diante e detrás das cámaras.

A palestra da tarde foi, se cadra, unha das máis interesantes que se levan desenvolvido en San Sadurniño para falar dun problema social, o da violencia de xénero, que require implicación da propia sociedade  para atoparlle solución. Unha implicación que, ao tempo, ten múltiples facetas. A eliminación de estereotipos socioculturais propios do patriarcado, a sensibilización, o apoio ás vítimas -tanto mulleres como as súas fillas e fillos-, o traballo das forzas da orde e da xustiza, etc., compoñen un conxunto de frontes abertas das que se falou na mesa-debate e con persoas expertas en cada unha destas materias, focalizadas para a ocasión na adolescencia e a infancia.

Nela participaron a psicóloga Paula Baldomir, o formador da Garda Civil Fernando Villar e a educadora social Noelia Darriba, con moderación do policía e membro de APICO -Asociación para a Igualdade e a Coeducación- Alejandro Gómez.  Cadaquén expuxo a súa área de traballo de cara a que o auditorio da Casa da Xuventude se fixese unha idea dos distintos matices e ramificacións que ten un mesmo problema que tamén lle afecta á mocidade e a infancia “aínda que non recibisen directamente a violencia”, tal e como asegurou Baldomir.

A psicóloga -que forma parte dunha rede de axuda inmediata ás vítimas- explicou que as situacións de violencia doméstica “desgastan a enerxía emocional” da xente nova nun momento en que precisan “seguridade e apoio”, posto que unha vulnerabilidade pode derivar despois nun trastorno e mesmo en que, á larga, se reproduzan os mesmos comportamentos vividos no seo familiar. Neste sentido, a entidade na que traballa –intra-tp– aborda a axuda á adolescencia establecendo unha relación de confianza cos rapaces e rapazas para, despois, afondar no concepto de responsabilidade en dúas vertentes: para facerlles ver que eles e elas non teñen culpa da situación que se vive na casa e, ao mesmo tempo, que poden e deben orientar a súa vida lonxe deses condicionantes.

Quen tamén traballa con rapazada é o formador da Garda Civil Fernando Villar, que acode a colexios e institutos para ofrecer charlas sobre seguridade escolar e convivencia. A diario ve casos claros de relacións tóxicas nas que, porén, as forzas da orde só poden intervir se media unha denuncia ou ben de oficio se son testemuñas directas. A este respecto, Villar asegurou que, malia a información que hai na actualidade, a maioría das vítimas adolescentes “non son conscientes de estar dentro dunha relación tóxica” e que incluso en rapazas “están véndose condutas machistas”. Desde a súa experiencia, Fernando Villar tamén asegurou que estas situacións se deben atallar con formación e educación, comezando coa prevención a idades temperás en vez de ter que enfrontar os seus efectos na adolescencia ou na etapa adulta.

Na mesma liña manifestouse tamén a educadora social Noelia Darriba contextualizando a violencia de xénero entre adolescentes -e entre persoas adultas- no resultado do proceso da socialización, é dicir, de como a sociedade constrúe boa parte da identidade dos nenos e nenas en base a un imaxinario “predominantemente en masculino”.  Un imaxinario que perpetúa o patriarcado e que se alimenta constantemente a través dos medios de comunicación, da publicidade, da música ou do cine, onde se ofrece, ademais, unha imaxe irreal e artificial das relacións de parella. “As rapazas e rapaces non teñen que ser a media laranxa de ninguén, senón unha laranxa enteira. O amor non se atopa, constrúese”, dixo a educadora e activista, para quen o problema da violencia e do control entre a rapazada “non é algo novo”, senón que agora se ve máis e atopa novos mecanismos para exercerse a través da tecnoloxía e das redes sociais.

Con esa afirmación coincidiu tamén o moderador e encargado do obradoiro da mañá, Alejandro Gómez, quen asegurou que a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero do ano 2004, tivo como principal efecto que aflorasen situacións que existían desde sempre pero que quedaban confinadas no ámbito doméstico, “tapadas debaixo da alfombra”. Segundo o policía e membro de APICO, a normativa axudou a visibilizar  o problema e dotou de ferramentas de traballo específicas ás forzas da orde e á xustiza anque, tal e como apuntara antes o seu compañeiro Fernando Villar, é fundamental que as vítimas denuncien e que manteñan as denuncias. Gómez insistiu, outra volta, na educación a idades temperás como factor determinante xa que as persoas menores “poden ser as vítimas e agresores do futuro”.

Ademais de ser punto de encontro para persoas expertas que tentan eliminar a violencia desde distintas frontes, a palestra deste sábado á tarde tamén tivo un oco para a poesía cos versos lidos pola actriz e poeta Silvia Romaus, quen lle puxo voz a mulleres conscientes de seu que rachan co terror.  Por outra banda, antes do cederlle a palabra á mesa, a concelleira de Igualdade, Ana Belén Bereijo, tamén leu a declaración institucional consensuada esta semana entre os tres grupos con representación municipal.

III Certame galego das artes pola Igualdade de xénero
Cerca das 19.00h. a actividade trasladouse á Casa da Cultura para asistir á entrega dos premios do Certame galego das artes pola Igualdade de xénero. Presentáronse cinco traballos, dous na categoría adulta e tres na xuvenil, aínda que un deles non puido entrar a concurso por non cumprir coas bases. Como convidada -e homenaxeada- asistiu a realizadora, cineasta, documentarista e docente Xisela Franco. Licenciada en Comunicación Audiovisual e Humanidades, Franco ten unha longa traxectoria tanto na experimentación visual como na produción de obras para cine e televisión. Entre elas destaca a curta “Cruz Piñón”, gravada dentro do primeiro Chanfaina Lab e premiada no Curtocircuito 2015.

Na súa intervención, Franco reivindicou o papel feminino na creación audiovisual, un sector dominado polos homes no que mulleres coma ela están abrindo unha fenda de visibilidade e de igualdade a base de activismo e de exhibición de talento. Dela proxectouse  “Santiago, olladas de perfil”, dirixida en 2015, onde  a profesora e política Encarna Otero mostra a capital de Galicia e a súa historia desde o punto de vista do traballo feminino e da represión social e relixiosa da muller.

Os premios do certame recaeron, na categoría adulta, en Silvia González coa peza “Notas para Saleta” e en Carmen Couce pola súa curta “Paco”, realizada coa axuda de Celsa Sabín e de Mariví Gilabert. No apartado xuvenil obtiveron os dous primeiros premios Carmen Leira por “On line” e Marcelo Rodríguez por “Nin o penses”. Tamén houbo unha mención para Paula Padín, a única moza d do CPI de San Sadurniño que presentou un vídeo ao certame.

O xurado estivo formado pola realizadora Sandra Sánchez, o académico do audiovisual Manolo González e pola pedagoga Manuela Vilaboy. As obras premiadas están xa dispoñibles na canle de youtube do Concello, e as imaxes da xornada poden verse no Facebook municipal.

Share.