22 nenas e nenos inician curso na EIM A Rolada, que aínda ten prazas dispoñibles

0

O curso 2022-2023 na Escola Infantil Municipal A Rolada botou a andar esta semana cun total de 22 crianzas matriculadas. As familias tiveron o luns un encontro co profesorado e con persoal da área de Igualdade para falaren do programa educativo, o martes foi de entrevistas individuais co obxectivo de coñecer con máis detalle as necesidades de cada criatura e, desde onte mércores, o centro xa ferve co rebulir infantil durante estes primeiros días do período de adaptación. O arranque do curso, segundo as mestras, “está indo moi ben”, case sen choros e nun ambiente moi tranquilo. 

Tal e como comentaba esta mañá a directora do centro, Lucía Formoso, das 22 nenas e nenos matriculados só houbo 9 incorporacións, de maneira que a maior parte da rapazada xa se coñece do ano pasado e, polo tanto, a volta á aula estalles sendo máis doada.”Case todas as crianzas de 2 a 3 anos estaban xa na escola o curso pasado, só hai unha incorporación nova, e entón ao ter un grupo moi tranquilo esa crianza tamén o leva mellor”, explica Formoso.

No caso da aula de 1 a 2 anos, que conta con 10 meniñas e meniños, case todas son novas incorporacións e por ese mesmo motivo cabería agardar que o inicio do cole lles fose un chisco máis duros. Porén, segundo aseguran desde a EIM a cousa “está indo mellor do que agardabamos”.

As 22 prazas asignadas están ocupadas da seguinte maneira: 1 na unidade de 0 a 1 ano, 10 na unidade de 1 a 2 e 11 na de 2 a 3 anos. Desta maneira no centro aínda quedarían 16 prazas vacantes que  poden solicitarse en calquera momento: 7 na das crianzas de 0 a 1 ano, 3 na de 1 a 2 anos e 6 na aula das nenas e nenos de 2 a 3 anos.

Desde este curso, o servizo de conciliación é gratuíto en canto a matrícula e custes de atención (non así os servizos complementarios como é o caso do comedor).  Con este novo escenario -que se fixo oficial a principios de agosto e co proceso de solicitudes de praza xa completado-, o Concello e a dirección da EIM A Rolada confían en que nos próximos meses se cubran a maioría das vacantes dispoñibles. “Co tema da gratuidade esperabamos ter máis usuarias e usuarios, pero non foi así, supoñemos que froito da inseguridade e da pouca información que había sobre como se ía aplicar esa gratuidade. Pero agardamos que ao longo destes meses as matrículas vaian aumentando”, comenta Lucía Formoso.

En cumprimento da normativa sobre financiamento autonómico, esta información debe incluír o presente texto que esixe a Xunta de Galicia:

A Escola Infantil Municipal “A Rolada” está subvencionada pola Xunta de Galicia en aplicación das axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e Puntos de Atención á Infancia de titulariedade municipal para o curso 2022/23. – Xunta de Galicia, Consellaría de Política Social e Xuventude.

Neste sentido, o Concello de San Sadurniño informa de que o Concello recibe unha subvención da Xunta de Galicia para a cobertura parcial dos gastos dos servizos de atención educativa e mantemento. Por esta razón, o Concello de San Sadurniño asume integramente os gastos non financiados pola Xunta, de cara a garantir a gratuidade real deste servizo.

 

 

Share.