216 nenas e nenos iniciaron o curso esta mañá

0

O colexio público de San Sadurniño estreou curso esta mañá coa dinámica habitual dun primeiro día de escola: impaciencia por entrar, ollos abertos coma pratos, emocións a flor de pel e todo aquilo que é de agardar nun inicio de ano académico que contará con 323 alumnos e alumnas, 216 en infantil e primaria e 107 en secundaria. Nos ciclos inferiores comezaron hoxe e na ESO farano o xoves. De momento gozarán de xornada, pero en outubro xa empezarán con clases pola tarde os martes e xoves.

Segundo informan desde a dirección do centro, este ano non hai novidades reseñables en canto ao desenvolvemento do curso. As matrículas son practicamente as mesmas que o ano pasado e distibúense do seguinte xeito: en infantil haberá tres clases con 76 nenos e nenas e en primaria distribuiranse 140 en seis cursos: 28 rapaces e rapazas en primeiro, 21 en segundo, 30 en terceiro, 20 en cuarto, 21 en quinto e 20 en sexto. No caso da secundaria a distibución queda con 28 rapaces e rapazas en primeiro, 26 en segundo, 31 en terceiro e 22 en cuarto.

Para os nenos e nenas que empezaron hoxe no cole de maiores foi un día de descubrimento que, nestes primeiros días, non diferirá moito das dinámicas da escola infantil. Porén, pouco a pouco, deberán irse adaptando ao cambio de profesorado e a algunha amizade nova coa que non compartiron aula na gardería. Nunha das clases que visitamos esta mañá o día comezou coas presentacións e co recordatorio das normas básicas de convivencia dentro da aula: erguer a man para preguntar, non correr, compartir e coidar o material, respectar os compañeiros e compañeiras, etc.

Mentres os nenos e nenas estaban xa aprendendo, na secretaría ultimaban papeleos propios do arranque do curso, con algúns papás e mamás presentando documentos pendentes ou consultando os itinerarios do transporte escolar.

Escola de familias
En relación coa comunidade educativa, o Concello ten previsto reeditar durante este curso a actividade “Escola de familias”, pensada para promover o intercambio de coñecementos e a reflexión sobre asuntos de interese común na crianza dos fillos e fillas. O departamento municipal de Igualdade e a responsable de orientación do centro de ensino reuníronse esta mañá para organizaren o desenvolvemento dos obradoiros.

O primeiro paso será a realización dunha enquisa entre as familias de cara a que expresen os temas que máis lles interesan. A partir dos seus resultados programaranse os talleres que, este ano, poderían ser trimestrais en vez de mensuais como en anteriores edicións. Nas próximas semanas informarase sobre o procedemento e tamén sobre os prazos de inscrición na iniciativa, que poderá formalizarse no propio centro.

Premio do programa Lecer Consumo
E dúas nenas e un neno que participaron no programa “Lecer Consumo” acaban de ganar o concurso de vídeo convocado polo Instituto Galego de Consumo a través das redes sociais. O programa desenvolveuse durante o verán en distintas localidades de Galicia coincidindo cos campamentos de conciliación promovidos polos concellos, no caso de San Sadurniño a “Aldea de Verán”.

Os nenos e nenas maiores de cada lugar tiveron que gravar un pequeno vídeo que reflectise dalgún xeito valores relacionados co consumo responsable e o aforro de recursos. En total participaron 51 equipos e o vencedor decidiuse mediante unha votación a base de “gústames” na páxina en Facebook da Escola Galega de Consumo.

O grupo de San Sadurniño, formado por Sol de Lera, Icía Fernández e Adrián Alves, fixo un vídeo que nos propón en menos dun minuto un “planazo en San Sadurniño”: pola mañá visita ao pazo e ao paseo fluvial, ao mediodía un xantar san a base de produtos locais,e xa pola tarde, rematar a xornada practicando deporte.

O equipo local conseguiu un total de 388 “gústames” gracias ao apoio da veciñanza. Deste xeito o grupo de San Sadurniño conseguiu impoñerse aos participantes Muros, que levaban ganando o certame dous anos seguidos. Nos próximos días o Instituto Galego de Consumo entregaralles o seu premio, consistente nun diploma e unha tableta dixital para cada participante no vídeo.

Share.