200 ciclistas participan este domingo na Marcha Ferrolterra

0

O Club Ciclista Ferrol ten practicamente cuberto o cupo de participación para a “XIX Marcha Ciclista Ferrolterra” que na mañá do domingo percorrerá as estradas da comarca entre Ferrol e Cedeira. As bicicletas empezarán a rodar na Malata ás 9 da mañá e está previsto que pasen por San Sadurniño nos últimos compases da ruta, a iso das 13.30h. Parte do seu camiño cadrará co de “La Vuelta 2016” que o día 23 de agosto tamén visitará a bisbarra na súa cuarta etapa, con saída en Betanzos e liña de meta en San Andrés de Teixido.

A XIX Marcha Ciclista a Ferrolterra partirá de Ferrol, tirará para Valdoviño polo Val e despois continuará ata Cedeira, onde se ofrecerá un tramo libre de subida á Garita de Herbeira. Desde alí os e as ciclistas baixarán a Cariño para o avituallamento de media mañá -sobre as 11.30h.- e, refeito o grupo, retomarase a marcha ata Mera e emprenderase a volta pola estrada de Ortigueira pasando por Cerdido, Moeche e San Sadurniño.

Cómpre ter en conta que se trata dunha marcha, non dunha carreira e, polo tanto, o ritmo marcarao a organización, que estipulou unha media para todo o percorrido de 26 km/h. O grupo irá neutralizado e o tráfico non se cortará, aínda que si estará restrinxido nos momentos e lugares polos que vaia pasando.

O rutómetro indica que o paso por San Sadurniño se producirá entre as 13.20 e as 13.30h. seguindo o trazado da AC-862. No Casal a marcha encamiñarase a Pedroso, logo á Carreira, despois ao Río do Pozo… Narón, Ferrol e, de novo, A Malata.

A organización limitou as inscricións a 200, que poden facerse ata as 14.00h. deste venres na páxina CC Norte My Laps. No momento de elaborar esta información -as 10 da mañá-, quedaban menos de dez prazas.

La Vuelta 2016
Para moitos e moitas amantes do ciclismo, a marcha deste domingo será un aperitivo do que ocorrerá o martes 23 de agosto. Ese día “La Vuelta 2016” pasará tamén pasará pola comarca na disputa da súa cuarta etapa. A competición estatal concéntrase en Galicia -sairá o 20 de agosto do balneario de Laias, en Ourense-, o Cantábrico e o Pirineo, deixando 6 das súas 21 etapas para a zona do Levante (case todas en Valencia) e unha final para Madrid, onde rematará o día 11 de setembro.

Volvendo ao 23 de agosto. A 4ª manga da volta partirá de Betanzos con 163,5 km. por diante. Irá pola costa ata Pontedeume e desde alí subirá por Cabanas ata A Capela e As Pontes. Da vila mineira subirá ao Caxado e baixará ata Ortigueira. No canto de continuar cara a Viveiro desfará camiño pola AC-862 pasando por Cerdido, Moeche e San Sadurniño para, desde aquí, encamiñarse a Valdoviño e, xa na parte final, a Cedeira. A meta estará situada no alto da Garita de Herbeira.

O rutómetro facilitado pola organización indica que o paso por San Sadurniño se producirá sobre as 16.20h. E cando dicimos “paso por San Sadurniño” referímonos ao termo municipal, xa que “La Vuelta” non sucará o núcleo urbano nin pola AC-862 nin pola Avenida Marqués de Figueroa. E é que a carreira se desviará en Riboira  para tomar a estrada provincial DP-7302 que une este lugar de Lamas coa Capela do Belén. Unha vez alí desviarase de novo collendo a DP-7603 con rumbo a Silvalonga, Santa Mariña, o Coval e Valdoviño.

 

Share.