2.591 persoas poderán votar o domingo en San Sadurniño

0

Tras quince días de intensa campaña a ninguén lle escapa que este domingo se celebran eleccións ao Parlamento Galego. Haberá moito onde escoller, posto que na Coruña poderemos votarlle a un total de 18 formacións políticas. En San Sadurniño seremos algúns e algunhas menos con posibilidade de elixir con respecto aos comicios xerais de xuño. Daquela o censo situábase nas 2.611 persoas e desta vez serán 2.591 as que poderán exercer o seu dereito ao voto. As mesas constituiranse ás 8 de mañá e abrirán unha hora despois.

No concello haberá un total de sete mesas, unha por cada parroquia. A que conta con máis electores e electoras é a de San Sadurniño (738), seguida xa a maior distancia demográfica polas de Naraío (443) e Lamas (413). A de Santa Mariña do Monte conta cun censo de 284 persoas, Ferreira agrupa 247, Bardaos 239 e en Igrexafeita, que recolle parte da poboación limítrofe de Naraío e Ferreira, poderán votar 227.

A constitución das mesas electorais farase ás 8 da mañá en presenza da presidencia e as vogalías elixidas por sorteo. Sobre esta cuestión sempre xorden múltiples comentarios ao respecto de que ocorre se te nomearon para algún deses cargos e non te presentas ou se hai maneira de “librar” desa responsabilidade.

A lei teno todo previso e, por certo, todo atado e ben atado para garantir que ninguén se escaquee a menos que teña unha causa xustificada. Os cargos de presidencia e vocal das mesas electorais son obrigatorios e  non acuda desempeñar as súas funcións incorrerá en pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a 24 meses. Unha vez que se lles comunicase a condición de membros da mesa  teñen un prazo de sete días para alegar ante a Xunta Electoral de Zona causa xustificada e documentada que lles impida aceptar o cargo. A Xunta resolve no prazo de cinco días. Se, posteriormente, calquera das persoas designadas non puidese desempeñar o seu cargo, debe comunicarllo á XEZ polo menos 72 horas antes do día das eleccións. Se o impedimento sobreviñese logo dese prazo, o aviso á Xunta terá que facerse de xeito inmediato e, en todo caso, antes da hora de constitución da mesa.

Razóns para non formar parte dunha mesa no caso de que nos tocase:

  • Se estás entre os 65 e os 70 anos (as persoas de máis de 80 non entran no sorteo), ter situación de discapacidade, ter a condición de incapacidade permanente absoluta e gran invalidez, ter unha incapacidade temporal para o traballo, embarazadas a partir dos seis meses ou mulleres en periodo de baixa por maternidade, estar nun centro penitenciario ou nun hospital psiquiátrico.
  • Tamén son motivos para renunciar: lesións, doenzas ou enfermidades físicas ou psíquicas que impidan exercer as funcións de membro dunha mesa electoral; a situación de risco durante o embarazo durante os primeiros seis meses; a previsión de intervención cirúrxica ou de probas clínicas relevantes no día da votación, nos días inmediatamente anteriores, ou no día seguinte, sempre que resulten inaplazables; pertencer a confesións ou comunidades relixiosas nas que o ideario ou o réxime de clausura resulten contrarios ou incompatibles coa participación nunha mesa electoral; ou o cambio da residencia habitual a outra comunidade autónoma.
  • Tamén hai responsabilidades familiares que permiten evitar a designación: a condición de nai, durante o período de lactancia, ata que o bebé cumpra nove meses; o coidado directo e continuo, por razóns de garda legal, de menores de oito anos ou de persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial; ter a cargo a unha persoa familiar ata o segundo grado de consanguinidade ou afinidade que por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesma.
  • Ter programados eventos familiares de especial relevancia, que resulten inaprazables ou nos que o adiamento provoque prexuízos económicos importantes, ser nai ou pai de menores de catorce anos, cando se acredite que o outro proxenitor non pode ocuparse do menor durante a xornada electoral, carecendo ademais o interesado de ascendencia ou doutros fillos ou fillas maiores que poidan facelo; e as persoas que o día dos comicios deban traballar en Xuntas Electorais, Xulgados ou Administracións Públicas e persoas que presten servizos esenciais da comunidade de importancia vital, como os de carácter médico, sanitario, de protección civil, bombeiros… tamén quedan exentos.
  • Para rematar, poden evitar a mesa electoral os directores e directoras de medios de comunicación de información xeral e xefes ou xefas dos servizos informativos que deban cubrir a xornada electoral, así como os profesionais que deban participar en acontecementos públicos a celebrar o día da votación, que estean previstos con anterioridade á convocatoria electoral.

Por certo, aínda que non é moito, os membros das mesas electorais percibirán 62 euros por esa xornada e, ademais, terán dereito a unha redución de cinco horas na súa xornada laboral ao día seguinte.

 

Share.