2.514 persoas poderán votar en San Sadurniño este domingo

0

Sobra dicir que o domingo se celebran en todo o Estado eleccións xerais ao Congreso dos Deputados e ao Senado. Unha cita coas urnas á que están chamadas en San Sadurniño 2.514 persoas, segundo o último censo do INE. No concello hai sete mesas electorais que abrirán as súas portas ás 9.00h. e que pecharán o tempo de votación ás 20.00h., momento no que comezará o reconto de ambas urnas. Non hai nada novo con respecto a xuño de 2016 -última vez que nos vimos nas mesmas-, agás a concorrencia dun maior número de candidaturas entre as que elixir e a perspectiva anunciada polas enquisas de que destes comicios non van saír tampouco maiorías absolutas. En calquera caso, iso saberase con certeza tan pronto como se complete o escrutinio aquí e no resto do Estado.

Desde o 26 de xuño de 2016, cando eliximos por última vez representantes na Cámara Alta e na Cámara Baixa, San Sadurniño perdeu  97 votantes, cun descenso máis ou menos parello en todas as parroquias e un centro urbano que aguanta ben o tipo no tocante a demografía electoral . A distribución do censo por mesas é a seguinte:

  •  735 en San Sadurniño (-8 con respecto a 2016)
  • 431 en Naraío (-19)
  • 388 en Lamas (-18)
  • 279 en Santa Mariña do Monte (-15)
  • 239 en Ferreira (-12)
  • 229 en Bardaos (-8)
  • 213 en Igrexafeita (-17)

As mesas continúan no mesmo sitio: unha no colexio público de San Sadurniño, unha en Bardaos -no local social-, outra en Santa Mariña -tamén no local veciñal-, a do local social de Lamas, a da parroquia de Ferreira, que estará situada no local da Seara, a de Naraío ao pé do campo de fútbol e a de Igrexafeita no local da asociación de veciños. Nesta última é onde votan as persoas censadas nos lugares das Cancelas, A Fraguela, As Nabeiras e Vilarxá -pertencentes a Naraío- e tamén o electorado da Fraga, na zona de Ferreira limítrofe con Igrexafeita.

Permanecerán abertas desde as 9.00h., aínda que a actividade nos locais electorais xa comezará unha hora antes coa chegada dos membros designados: unha presidencia e dúas vogalías e as súas correspondentes suplencias. Se faltase algunha persoa titular ocuparía o seu lugar a suplente nomeadas para cada caso. Logo comprobarase que o local está en condicións e que se dispón de todo o material -urnas, papeletas, sobres, cabina, etc.-, recibiranse as credenciais dos interventores e interventoras de cada formación e, se non hai contratempos, a mesa quedará constituída ás 8.30h.

Para votar hai que acreditar a identidade co DNI, o pasaporte -con foto- ou o carné de conducir, incluso estando caducados. Iso si, calquera destes documentos válidos ha de ser orixinal, en ningún caso unha fotocopia.

A votación pecharase ás 20.00h. e comezará o escrutinio, que é público, contabilizando votos válidos (tamén os que son en branco) e os nulos. A este respecto débese ter en conta que meter dúas papeletas do mesmo partido nun sobre se considerará como un único voto válido, mentres que se no sobre van dúas papeletas distintas, o voto será considerado como nulo. Tamén hai que saber que nas papeletas do Senado  dispoñibles na cabina -as de cor sepia- só se poden marcar como máximo tres nomes e que estes non teñen por que ser da mesma candidatura, posto que a composición da Cámara Alta funciona con listas abertas onde se elixe directamente á persoa.

Eleccións municipais
O proceso electoral que culminará o domingo ten como peculiariedade que se encabalga co seguinte, o das eleccións municipais do 26 de maio. Esta mesma semana quedaron proclamadas as candidaturas e hai partidos que xa están metidos na precampaña das locais a través das redes sociais ou con publicacións impresas. Porén, mentres non se inicie oficialmente a campaña -o venres 10 de maio- todas as formacións teñen prohibido pedir o voto para as súas candidaturas.

A seguinte cita importante con respecto ás municipais témola este luns 29 de abril coa celebración ás 12.00h. do pleno en que se sorteará a composición das mesas electorais.

Share.