19 persoas participan no curso de conservación de alimentos organizado pola AGFA e o Concello

0

A área de Desenvolvemento local e máis a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume convocaron o mes pasado unha serie de obradoiros centrados na conservación de distintos produtos da terra  co obxectivo de seguir promocionando a transformación alimentaria -orientada ao autoconsumo ou aos mercados de proximidade- como fórmula para un mellor aproveitamento dos froitos  e incluso como maneira de tirarlle maior partido económico. O curso arrancou o pasado 17 de novembro coa participación de preto dunha vintena de persoas. En relación cunha alimentación saudable, a asociación agroecolóxica A Cortiña  tamén organiza para o sábado pola mañá outra actividade, centrada neste caso na repostaría sen azucre engadido. As inscricións poden facerse no 690 338 048 e se houbese demanda suficiente podería repetirse o domingo.

Durante anos as graxas saturadas estiveron consideradas como as principais responsables da obesidade e dos problemas cardiovasculares. Porén, a investigación cada vez está dándolle máis relevancia aos azucres procesados como causantes tanto deses como doutros efectos perniciosos para a nosa saúde. De aí que se recomende reducir ao mínimo a súa presenza nas dietas e incluso a súa total eliminación. Algo que é factible desde o momento en que o gusto polo doce non é algo inherente ao noso padal, senón que se trata dunha resposta positiva a unha sensación aprendida xa na infancia.

Porén, unha vez temos ese sabor metido no cerebro é difícil afacerse a prescindir del. Por sorte hai alternativas. E delas falaranos Inés López Pereiro o sábado a partir das 10.30h. no local social de Lamas. É responsable do proxecto SenSucre, nacido a raíz dun problema de saúde relacionado co azucre, que primeiro foi blog de receitas e, desde o ano pasado,  obrador de cociña vexetariana situado en Xermade.

López explicará como se poden preparar sobremesas de todo tipo sen necesidade de botar man dos azucres industriais e sen que por iso deixen de estar boas e doces. Un substitutivo habitual é a estevia, aínda que fai falla mirar ben a etiqueta para non caer na trampa de mercar un sucedáneo da planta cargado de edulcorantes artificiais. Outras opcións son o mel e o aproveitamento dos azucres naturais presentes na froita madura e noutros alimentos que, ben aderezados e nas proporcións xustas, poden dar como resultado unha torta, un pastel ou un “queique” moi doce e gustoso.

O obradoiro organizado pola asociación agroecolóxica A Cortiña desenvolverase o sábado entre as 10.30 e as 14.00h. na cociña do local social de Lamas. O prezo son 15€ para persoas que non sexan socias da entidade e as inscricións deben facerse a través do correo asociacionacortinha@gmail.com ou do teléfono 690 338 048.

Prosegue o curso de conservación de alimentos
En Lamas tamén se está celebrando desde mediados de mes un curso centrado na conservación de froita, horta e zumes impartido por Paula Patiño, da firma especializada Acastrexa. Nel participan 19 persoas que, entre outras materias, xa aprenderon o proceso de elaboración de zumes de mazá e agora están metidas na preservación de produtos da horta, tratada na sesión do sábado pasado e tamén na do próximo venres.

Despois da xornada desta semana farase un parón e a actividade retomarase na segunda semana de xaneiro coa atención posta nas marmeladas, compotas e conservas de froita en anacos, toda ela procedente da horta de conservación Carlos Fornos.

Segundo comenta o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, o Concello apoia as propostas da Cortiña e da AGFA como maneira de “mellorar a formación na transformación alimentaria de produtos locais, que ten unhas grandes posibilidades de futuro”. A este respecto o concelleiro adiantou que San Sadurniño e os municipios de Moeche, Cerdido e Valdoviño  teñen ultimado un proxecto conxunto neste ámbito que se dará a coñecer mañá xoves, trala sinatura do correspondente acordo de colaboración para levalo adiante.

Share.