16 persoas participan no proceso selectivo do APROL Rural e do Plan de Emprego Local da Deputación

0

Durante esta mañá desenvolvéronse no salón de plenos do Concello as probas de selección do persoal que entrará formar parte dos dous programas de emprego aos que se acolleu San Sadurniño nesta anualidade, o APROL Rural convocado pola Xunta e o PEL da Deputación da Coruña. O Servizo Público de Emprego de Galicia fixo unha preselección de 16 nomes para optar a algunha das cinco prazas ofertadas, coas que se busca, dunha banda, reforzar a área municipal de obras e servizos e, doutra, facilitarlle un traballo temporal a persoas desempregadas que teñen dificultade para acceder ao mercado laboral.  

A axuda do Plan de Emprego Local chega aos 28.000 euros, cos que se custearán tres contratos temporais: un para conducir o camión e a maquinaria municipal durante seis meses a tempo completo, outro para labores de albanelaría ao longo de cinco meses e medio e un terceiro de peonaxe coa mesma duración. Nestes dous últimos postos a xornada laboral será de seis horas diarias.

A convocatoria do PEL provincial xunta a finalidade social co apoio aos municipios, que teñen neste programa unha oportunidade para empregar durante varios meses a persoas que por distintas circunstancias non dan conseguido traballo, ademais de facilitarlles unha ampliación do cadro sen custe coa que suplir vacacións ou reforzar o mantemento municipal, onde é habitual que haxa máis carga de actividade agora que chega o bo tempo. A limpeza de beirarrúas, pequenas obras de reparación de todo tipo, a recollida do lixo ou o manexo dos tractores de roza son só algunhas das funcións que se prevén cubrir con este programa.

O outro plan de emprego, o Aprol Rural da Xunta,  supón outros 26.300 euros, destinados neste caso á contratación de dúas persoas como especialistas forestais por un período de 9 meses. Neste caso as funcións están máis delimitadas e céntranse en traballos relacionados coa roza de espazos públicos, o mantemento de sendeiros e o control da vexetación.

Para levar a cabo o proceso selectivo -que se desenvolve mediante concurso oposición- o Concello solicitoulle ao SPEG un listado de persoas aspirantes que cumprisen os requisitos establecidos nas bases, como a obrigatoriedade  de que todas fosen demandantes de emprego inscritas no SPEG e que, ademais, cumprisen outras condicións, como por exemplo  ter máis de 45 anos, levar en situación de desemprego dous ou máis anos, ter unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, ser muller, vivir nun fogar onde ninguén teña traballo, etc.

O servizo público de emprego remitiu unha relación de 16 aspirantes que esta mesma mañá pasaron un exame oral no que o tribunal -formado por persoal municipal- lles preguntou por cuestións relacionadas co coñecemento do territorio e cos labores que deberán desempeñar. Prevese que o listado de persoas propostas para os contratos se publique mañá, co obxectivo de que poidan empezar a traballar antes do remate da semana.

Share.