15 familias van á escola para aprenderen máis sobre a educación infantil e xuvenil

0
Este martes comezaron no CPI de San Sadurniño as actividades do programa “Escola de familias”, impulsado pola área de Servizos Sociais do Concello en colaboración con ASFEDRO e o propio centro de ensino. Ata o mes de maio desenvolveranse varios obradoiros dirixidos a pais e nais nos que se traballarán aspectos relacionados coa educación da rapazada. Co apoio de persoas expertas nas materias que se van tratar -e tamén co intercambio de experiencias- preténdese construír un espazo para o debate, a reflexión e a aprendizaxe sobre a difícil tarefa de criar un fillo ou unha filla. Nesta edición da escola participan 15 familias.
Segundo a técnica de Igualdade, Verónica Rodríguez, a “Escola de familias” é un espazo no que cada persoa “expón as súas prácticas diarias na educación dos seus fillos” coa finalidade de detectar posibles erros e, ao mesmo tempo,  por en común co resto “as cousas que lles funcionan ben”.
Neste espazo de reflexión e de intercambio de experiencias que arrancou na tarde deste martes trataranse diversos temas relacionados en último caso coa comunicación familiar e os estilos educativos, as normas e límites, as adiccións e as novas tecnoloxías. Temas elixidos en base a unha enquisa que se lle presentou aos pais e nais para que fixesen saber “cales consideraban máis necesarios para traballar cos seus fillos e fillas no día a día”.

Así, nesta primeira sesión falouse de habilidades sociais, fundamentais para as relacións da cativería dentro e fóra da familia. O apego, a asertividade, a cooperación, a comunicación, o autocontrol, a comprensión de situacións, a resolución de conflitos e, sobre todo, a empatía (poñerse no lugar da outra persoa), son habilidades que se aprenden e que se deben traballar no núcleo familiar. Neste sentido hai que ter en conta que non abonda con ensinar, senón que as persoas maiores tamén deben dar exemplo.

A escola vai dirixida a pais, nais ou persoas titoras con fillos e fillas en idade escolar matriculadas no CPI de San Sadurniño. A actividade ten unha frecuencia mensual e desenvólvese no propio colexio os martes pola tarde de 15.30 a 17.00h. con datas distintas dependendo dos temas e as idades para os que estean máis aconsellados. Así, as familias con rapazada en infantil e primaria asistirán o 14 de febreiro á segunda clase sobre habilidades sociais, o 14 de marzo e o 18 de abril abordarán as normas e límites e, para rematar, o 16 de maio tratarán as novas tecnoloxías.

As familias de secundaria empezarán a semana que vén. O 24 de xaneiro falarán sobre normas e límites, o 21 de febreiro e o 21 de marzo  sobre consumo de drogas e os días 25 de abril e 23 de maio terán dous obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías, centrados tanto en condutas adictivas como nos novos xeitos de violencia que se exercen a través das redes sociais e os dispositivos móbiles.

A Escola de familias impártea Asfedro coa colaboración do Programa de Educación familiar do Concello, do CPI de San Sadurniño e de especialistas en formación sobre novas tecnoloxías da Garda Civil.

Share.