A decisión da Unesco sobre o proxecto de xeoparque podería coñecerse en abril do ano que vén

0

O Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, do que San Sadurniño forma parte, viviu entre o domingo e o mércores desta semana catro días que serán decisivos no seu obxectivo de entrar formar parte da rede mundial de xeoparques, integrada por territorios exclusivos pola súa xeoloxía e por promover a sostenibilidade -turística, económica, ambiental, cultural…- a partir desa riqueza de millóns de anos de antigüidade. O proxecto recibiu a visita da misión de avaliación da Unesco encargada de verificar o cumprimento dos requisitos establecidos no programa internacional, que neste momento comparten tan só 177 espazos físicos e humanos en todo o planeta. Durante o seu percorrido, os auditores Chris Woodley-Stewart e César Goso achegáronse aos principais referentes xeolóxicos da zona, pero tamén mantiveron varios encontros con entidades para coñeceren ata que punto a iniciativa está asentada na sociedade. Ambos prepararán o seu informe nas próximas semanas, pero prevese que non sexa até abril do ano que vén cando se coñeza o seu contido.

A primeira parada en San Sadurniño foi a primeira hora da mañá do luns no vértice xeodésico de Racamonde, en Naraío, onde o Concello  creou recentemente un pequeno espazo de interpretación ao aire libre que permite divisar case a totalidade do ámbito do proxecto de xeoparque, ademais estar integrado na zona granítica do Forgoselo e a súa litoloxía totalmente diferente á do resto do territorio aspirante ao distintivo Unesco.

Nese punto os auditores comentaron como posibilidade de mellora interpretativa cousas tan sinxelas como baixar a altura do panel principal que hai ao pé da escaleira ou incorporar información máis detallada sobre os fenómenos que se observan no Forgoselo, como por exemplo os tafoni (os buracos que se ven nas penas producidos pola acción erosiva e química da chuvia durante milenios), os bolos, as pedras cabaleiras e as turbeiras, que son os principais elementos de identidade desa parte da banda sur do proxecto.

Desde alí a expedición, guiada por Fran Canosa, Secundino García e José Miguel Alonso Pumar -na compaña dos xeólogos da Complutense Ricardo Arenas e Sonia Sánchez-, baixou ao castelo de Naraío para mostrarlles aos avaliadores a fortaleza e presentarlles o traballo da Asociación Veciñal O Castelo de Narahío, unha das que leva máis anos dándolle difusión ao proxecto, no que proximamente se integrará como “Entidade Amiga”.

César Galdo -secretario de O Castelo de Narahío- comentou algo da historia do lugar que lle dá nome á entidade, sinalando que a cesión da edificación por parte da Casa de Alba -o que abriría logo a posibilidade de facer intervencións de conservación-, fora resultado da demanda social con apoio do Concello. A asociación tamén lles trasladou aos auditores que, para ela, un dos grandes beneficios de chegar a ser xeoparque sería o de pertencer a un ámbito territorial máis amplo e con intereses comúns que fomente a relación entre colectivos e o desenvolvemento de proxectos conxuntos.

Logo dunha pequena visita á área de descanso de Igrexafeita -lugar no que a Goso e a Woodley-Stewart lles chamou a atención o hórreo que hai alí instalado, recomendando incluso recoller nos paneis información sobre el-, a misión avaliadora trasladouse á Casa do Concello para manter un encontro con colectivos e empresas relacionadas dun xeito ou doutro co desenvolvemento local e sociocultural.

Foi o caso do proxecto Chanfaina Lab encabezado polo académico Manolo González, das artesás das Tres Lolas da Cascarilla -que fan bonecas con plana do millo-, da Asociación Agroecolóxica A Cortiña -presidida por Xosé María García-, da firma de galletas ecolóxicas Maruxas de Nata -á xuntanza veu a súa responsable, Sandra Suárez- e da Asociación da Froita Autóctona do Eume, da que é membro o concelleiro de Desenvolvemento local Manolo Varela, quen aproveitou para explicar o contido da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos e do Arboreto da Cortiña, que reproduce todos os tipos de bosque galegos, ademais de ser espazo de lecer que acolle feiras e outros eventos.

Na contorna da casa consistorial, xusto antes de marchar de San Sadurniño, os avaliadores tamén puideron aprezar os usos da serpentina (o toelo) como rocha ornamental moi empregada nas construcións máis antigas en linteis, escaleiras, cruceiros e mesmo como baños para salgar e conservar os produtos da matanza.

A decisión da Unesco coñecerase na primavera
Tralo seu percorrido polo territorio do proxecto, o británico Chris Woodley-Stewart e o uruguaio César Goso deberán preparar o seu informe de avaliación nas próximas semanas. De cumprírense os prazos previstos, a Comisión de Xeoparques Mundiais da Unesco analizará o documento a primeiros de decembro e, se o seu contido é favorable, a ONU podería ratificar a entrada na rede mundial de xeoparques no mes de abril.

O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal é unha iniciativa de desenvolvemento promovida polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, integrados na Asociacion para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, que botou a andar hai sete anos -ao empezo como agrupación de municipios e logo con entidade propia- collendo o testemuño da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal, o primeiro colectivo que se preocupou pola divulgación masiva do patrimonio xeolóxico da zona e por propoñer modelos de desenvolvemento sostible baseados no xeoturismo.

O seu ámbito abrangue case 800 quilómetros cadrados de superficie terrestre e marítima, nos que viven arredor de 28.000 persoas.  A declaración como Xeoparque significaría a obtención dun recoñecemento que neste momento só posúen 177 territorios no mundo e que ten a mesma relevancia que unha declaración como Patrimonio da Humanidade.

Share.