14 persoas autónomas e pequenas empresas xa solicitaron as axudas municipais do PEL-Reactiva

0

O PEL-Reactiva é un programa cofinanciado polo Concello e a Deputación da Coruña que ten como obxetivo axudar á recuperación económica de persoas autónomas e microempresas afectadas pola crise económica derivada da pandemia. Dentro desta convocatoria poderán obterse -dependendo dos casos- subvencións de ata 1.500 ou 3.000 euros destinados a sufragar gastos de adaptación dos negocios ás novas circunstancias sanitarias, pero tamén alugueiros e arrendamentos, consumos enerxéticos, seguros, etc. O prazo de solicitude desta liña municipal está aberto até as 14.00h. do día 25 de novembro. Un trámite que debe facerse obrigatoriamente a través da Sede Electrónica municipal. O Concello recibiu ata hoxe un total de 14 peticións formais e arredor dunha ducia de solicitudes de información e asesoramento. Calquera empresa ou persoa autónoma que cumpra os requisitos e teña dúbidas sobre como facer a xestión pode contactar co Técnico de Desenvolvemento local no 981 490 027 ou no correo ignacio.fernandez@sansadurnino.gal. A partida total que se dedica a estas axudas ascende a 36.682,54 euros.

Deste programa de axudas poderán beneficiarse as persoas traballadoras autónomas -con ou sen persoal ao seu cargo- e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que en ambos casos han de estar domiciliadas en San Sadurniño e atoparse nalgún dos seguintes supostos:

  • Que tivesen que pechar en virtude do disposto no RD 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declarou o Estado de Alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e a súa modificación aprobada no RD 465/2020, do 17 de marzo.
  • Que non tivesen que pechar, pero que a súa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vira reducida, polo menos, nun 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do Estado de Alarma. Cando a persoa física ou xurídica non leve de alta os seis meses naturais esixidos para a acreditar a redución os ingresos, a valoración levarase a cabo tendo en conta o período de actividade.
  • Que se viran na obriga de acollerse a un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego), nos termos establecidos no RD 465/2020, do 17 de marzo.

Dentro de calquera destes supostos establécense  cantidades fixas de axuda, que se reducirán no caso de que os gastos xustificados sexan inferiores:

  • Para persoas autónomas sen persoal ao seu cargo que tivesen que pechar ou a quen lle baixase a facturación un 75% con respecto ao semestre anterior:  ata 1.500 euros
  • Para microempresas e persoas autónomas con persoal a cargo que tivesen que pechar,  acollerse a expedientes de regulación por causa do Estado de Alarma ou que viran reducida a facturación un 75%: poderán obter ata 3.000 euros de axuda. Neste caso hai unha precisión, xa que as contías varían dependendo do número de traballadores ou traballadoras. Se se ten unha persoa empregada, 2.000 euros. Se o número de traballadores e traballadoras está entre 2 e 5, 2.500 euros. Por último, se a micorempresa ou persoa autónoma lle dá traballo a entre 6 e 9 persoas, entón si, a axuda máxima poderá chegar aos 3.000 euros.

Para xustificar estas axudas poderán presentarse facturas ou outros documentos legalmente admitidos correspondentes a gastos efectuados entre o 1 de marzo e o 31 de decembro deste ano. E, dentro deles, hai un amplo abano de conceptos que se poderán meter na subvención: compra de material antiséptico, produtos de hixiene e limpeza, instalación de mamparas de protección, gastos de alugueiro de locais, arrendamentos de maquinaria e vehículos, seguros de responsabilidade civil e tamén outros gastos fixos que se soportasen durante a crise, como son a luz, gas, a subministración de auga ou os combustibles.

Débese ter en conta que a subvención non cubrirá o ive (só se sumarán as bases impoñibles dos gastos). Tamén é moi importante ter en consideración que as axudas municipais serán compatibles coas convocadas por outras administracións, como por exemplo as que publicou a Xunta este mércores 18 de novembro. Porén, se o obxecto das subvencións fose o mesmo, o importe conxunto que se reciba non poderá superar en ningún caso o total do gasto efectuado.

Esta convocatoria municipal é resultado do programa da Deputación da Coruña PEL-Reactiva. Trátase un plan cofinanciado  entre o ente provincial e o Concello nunha proporción 80%-20% que dispón dunha partida total de 36.682,54€.

As solicitudes teñen que presentarse obrigatoriamente a través da Sede Electrónica municipal. Ante calquera dúbida sobre o trámite ou aclaracións sobre os requisitos pódese contactar co Técnico de Desenvolvemento local no correo ignacio.fernandez@sansadurnino.gal ou no 981 490 027 para solventar dúbidas.

prazo de solicitude remata ás 14.00h. do próximo 25 de novembro e, unha vez se concedan as axudas, o prazo de xusticación prolongarase até marzo de 2021.

Máis información
Bases da convocatoria (.pdf)
Acceso ao procedemento na Sede Electrónica

Share.